DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO

O "Efecto Proximidade" volve este xoves ao mercadiño de Salgueiriños

17/08/2016 A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, presentou as actividades do Efecto Proximidade que terán lugar no mercado de Salgueiriños os xoves 18 e 25 de agosto e o 1 de setembro. Esta acción enmárcase nas actividades do programa municipal Compostela Móvese, plan que recolle as múltiples actividades que desenvolve a Oficina de Promoción Económica municipal para impulsar un novo modelo económico para Santiago apoiándose nas principais fortalezas da cidade.

Este xoves 18 de agosto retómase no mercado de Salgueiriños a actividade do chamado Efecto Proximidade, un programa de análise e desenvolvemento de accións para a dinamización que promove a Concellaría de Desenvolvemento Económico e realiza aCentral Folque. Inaugúrase así a actividade neste verán de 2016 ao longo de tres semanas, achegando outro ollar e outras accións a este espazo singular de Compostela.

Efecto Proximidade ten por obxectivo dinamizar os diferentes mercadiños e feiras da cidade, en especial o mercadiño de Salgueiriños. Na busca de conxugar elementos lúdicos, artísticos, formativos e gastronómicos coa creación de dinámicas de desenvolvemento do mercado de Salgueiriños tendo en conta os actores e axentes locais.

O documental Sons do Mercado foi a primeira acción deste programa, pero ademais inclúense medidas como unha programación especial de actividades lúdicas e formativas en verán e Nadal, dirixidas a un público familiar para favorecer a presenza de familias no mercadiño. Sons do Mercado é unha curtametraxe documental artellada a partires de distintos testemuños de vendedores ambulantes que nos amosan as distintas historias que hai detrás dos postos de venda do mercado de Salgueriños. Un documental de Marcos Nine con música orixinal de Alejandro Vargas.

Carpa Activa
A Carpa Activa é o espazo central onde acontece a programación lúdica de Efecto Proximidade, cumprindo así mesmo, as función de punto de información, promoción e encontro. Na carpa realizaranse actividades diversas de dinamización social, divulgación, e xogo:

- LaboreAndo: Acción permanente cunha mestura de exposición, demostracións e intercambio de coñecemento de diferentes labores: ganchillo, calceta, bordado, costura… aberta a todas aquelas persoas que queiran participar. No propio mercado pódense atopar os materiais necesarios para a elaboración dos mesmos. A partir desta experiencia de fluxo de coñecementos desenvolverase unha instalación laneira na última xornada de verán. As participantes nestas quedadas deseñaran pequenas pezas co obxectivo de penduralas ao longo dos postos do mercadiño.

- ConSumo Gusto: Durante todas as xornadas de Efecto Proximidade poderase pasar polo posto de elaboración e degustación gratuíta de zumes e batidos de froitas e verduras de tempada. Oportunidade para coñecer a nova liña de oferta comercial do mercado de Salgueiriños, os postos de venda de produtos alimentarios que están a sumarse ao espazo da feira.

- Troca de xoguetes: Tamén se poderán trocar os xoguetes que non se usen. Unha aposta por achegar aos máis novos a idea da reutilización e intercambio de obxectos en desuso para nós, pero que poden ser novidade para outras persoas.

- Espazo asociativo: A Carpa Activa servirá tamén como lugar de encontro e visibilización do tecido asociativo da contorna e da cidade.

Compartir: