XUNTA DE GOBERNO

O Concello iniciará o acondicionamento do edificio que albergará a Casa das Mulleres

05/08/2016 A Xunta de Goberno Local deu luz verde esta mañá á aprobación do proxecto básico e de execución de acondicionamento do antigo local de Emuvissa que albergará a Casa das Mulleres.

O local, sen uso actualmente, sitúase nunha edificación cuxo uso principal é de vivenda de planta baixa e catro alturas e ten unha superficie de 134 metros cadrados. O obxecto do acordo pasa pola realización dun proxecto básico e de execución de acondicionamento do local coa finalidade de albergar a Casa das Mulleres, co fin de que as agrupacións e colectivos de mulleres poidan desenvolver actividades a prol da igualdade de xénero, a participación social e o empoderamento. Ademais, servirá para que a Concellaría de Igualdade teña un espazo común coa veciñanza para desenvolver actividades específicas.

O proxecto define dúas áreas funcionais: a zona de aulas ou salas, na que se desenvolverán a maior parte de actividades e, por outro lado, o vestíbulo xeral que da acceso ás mesmas e que alberga os espazos de servizo do local. A proposta suporá a compartimentación do local, a definición das fachadas e dos acabados e o acondicionamento e instalacións de iluminación, saída de fumes, fontanería, ventilación…

O prazo de execución previsto para o proxecto é de tres meses e o prezo de licitación é de 127.000 euros máis IVE, orzamento que irá a cargo dos remanentes de 2015.

Ampliación do contrato de axuda no fogar
A Xunta de Goberno acordou tamén ampliar o 10% o contrato que o Concello mantén coa empresa Valoriza, encargada do servizo de axuda no fogar. Esta ampliación supón un total de 85.618,83 euros que se suman ao montante actual do contrato, ata acadar os 2.011.770,82 euros.

Esta ampliación contractual do 10% vén recollida como unha posibilidade na Lei de Contratos do Sector Público, tendo en conta que durante a execución do mesmo se advirte un exceso no número de horas prestadas pola empresa no servizo de axuda no fogar. Este exceso vén ademais xustificado "polo interese público do Programa Municipal de Axuda no Fogar que queda de manifesto polo seu propio obxecto e por ser unha das prestacións básicas do sistema de servizos sociais destinada a garantir a autonomía persoal e a atención á dependencia".

Casa das Máquinas
O Goberno local aprobou unha actuación de emerxencia na Casa das Máquinas debido á situación de deterioro do edificio, que pode supoñer un problema de seguridade. Adxudícase por un importe de 22.968 euros e consistirá no apuntalamento do edificio, paso previo ao inicio da Fase I de acondicionamento do mesmo, recollido nos proxectos con cargo a remanentes de 2015. Requirirase tamén a Unión Fenosa que traslade o cadro transformador.

Obras do PAS
Aprobáronse varios expedientes para dar comezo ás adxudicacións de obras no rural compostelán en base ao Plan de Acción Social (PAS) da Deputación da Coruña. Así, deuse o visto bo a un proxecto de modernización das instalacións do alumeado público en Busto, A Gracia e Figueiras, por un importe de 65.761,28 euros máis IVE; un proxecto de posta en valor de lavadoiros na zona de Lobio, O Roxido, Santomil e Vilamaior, por 30.657,63 euros; e un proxecto de remodelación do trazado da curva vial M-8, Son de Abaixo-Ponte Alvar, en Marzo de Arriba, por 45.934 euros, IVE aparte.

Outros acordos
A Xunta de Goberno Local tamén aceptou dúas subvencións, unha da Dirección Xeral de Formación e Emprego para a posta en marcha do programa integral Emprego Santiago V e outra da xefatura territorial da Consellería, Emprego e Industria para a realización do obradoiro de emprego Ecorural Santiago.

O programa Emprego Santiago V está dirixido a mozos e mozas en situación de desemprego e ten un custo total de 129.470,46 euros, dos cales 25.000 son financiados polo Concello e o resto é subvencionado. O obradoiro Ecorural Santiago está dirixido a 20 alumnos/as traballadores/as e contempla as seguintes actuacións: a execución da rehabilitación da antiga Escola Unitaria de Susana como centro BTT e de atención a visitantes Val de Santa Lucía-Marrozos, a elaboración de recursos e materiais para a promoción do BTT e do turismo ecolóxico do Val de Santa Lucía-Marrozos, e a elaboración e mantemento de páxinas web do Centro BTT e do centro de atención a visitantes Val de Santa Lucía-Marrozos. O Concello cofinanciará o proxecto por importe de 50.000 euros.

Ademais, adxudicouse o contrato do servizo para roza, limpeza e mantemento de marxes e drenaxes de viario, carreiros fluviais e parcelas municipais a favor da empresa Alcomte, por un importe de 181.818,18 euros máis IVE. O alcalde lembrou que "este contrato vén a completar os traballos que xa se fixeron de roza e limpeza nos montes do noso rural, como na parroquia de Figueiras".

Documentos relacionados



Compartir: