ALCALDÍA

Martiño Noriega reitera a necesidade de manter os vencellos da colectividade galega no exterior coas súas raíces

05/08/2016 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e a concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, recibiron unha delegación do Centro Galicia de Bos Aires e do Instituto Argentino-Gallego "Santiago Apóstolo". Esta visita institucional devolvía a realizada polo rexedor municipal en abril á capital arxentina con motivo da presenza de Santiago como cidade convidada na Feira do Libro de Bos Aires.

Tras a xuntanza, o alcalde lembrou o "impresionado" que quedara polo labor que realizan estas institucións en "defensa da galeguidade". Neste sentido, reiterou a súa vontade de construír unha "autoestrada para vencellar as colectividade galega coas súas raíces e devanceiros".

Dese labor falou tamén Manuel Peleteiro, representante legal do Instituto Argentino-Gallego "Santiago Apóstol", que hoxe conta con 550 alumnos e alumnas que "falan galego" e coñecen a xeografía e a historia de Galicia. Recordou a fundación deste colexio hai 18 anos para "difundir a cultura galega" e como "homenaxe a tantos emigrantes que soñaran con ter un colexio e non viron ese soño realizado". Ademais, é "unha forma de agradecer á República Arxentina e á cidade de Bos Aires o seu recibimento e acollida aos emigrantes galegos".

Centro Galicia de Bos Aires e Instituto Argentino-Gallego "Santiago Apóstol"
O Instituto Argentino-Gallego "Santiago Apóstol" empezou a funcionar en marzo de 1998 para atender a ampla demanda social da colectividade galega na capital arxentina. Desde entón, foi ampliando a súa oferta lectiva e hoxe abarca os niveis de infantil, primaria e secundaria. Ademais, dende 2003, o Instituto conta cun Departamento de Lingua e Literatura Galegas. Tamén ensina Xeografía e Historia.

O Centro Galicia de Bos Aires é unha asociación civil sen ánimo de lucro, creada en 1979 froito da fusión dos catro centros provinciais existentes ata o momento. Segundo os seus estatutos, ten entre os seus obxectivos defender a idiosincrasia galega, ensinar os costumes de Galicia, ademais de organizar diferentes actividades culturais e deportivas. O conta con 10.300 asociados.

Compartir: