ALCALDÍA

Santiago de Compostela é seleccionada na II Convocatoria de Cidades Intelixentes cun proxecto en colaboración cos concellos de Zaragoza, Madrid e A Coruña

04/08/2016 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, anunciou esta mañá que o Concello de Santiago vén de gañar a II Convocatoria de Cidades Intelixentes promovida polo Ministerio de Industria, co proxecto Plataforma de goberno aberto, colaborativo e interoperable. "Para nós", explicou Martiño Noriega, "é un éxito ter sido un dos 14 proxectos elixidos dos 111 presentados e, ademais, ter obtido a terceira mellor puntuación. Esta proposta supón dar un paso máis de cara a mellorar a transparencia no noso Concello".

Este proxecto é ademais o único proxecto gañador que foi presentado en colaboración con outras cidades, como A Coruña, Zaragoza ou Madrid, "o que demostra que o traballo en rede, con independencia da cor política, resulta tremendamente positivo cando nos marcamos obxectivos comúns e cando queremos ser máis eficientes na xestión e no uso dos fondos públicos", apuntou o alcalde.

Dous millóns de euros
Esta convocatoria supón o acceso a máis de dous millóns de euros de subvención para a posta en marcha de actuacións relacionadas coa transparencia. Desa cantidade, o Concello de Santiago recibirá 300.000 euros e deberá aportar 200.000 de fondos propios. Na realización do proxecto, o Concello obtivo o apoio de diversas entidades e empresas, tanto a nivel local e galego como estatal.

O proxecto permitirá normalizar a semántica dos datos, é dicir, que todos os concellos utilicen a mesma terminoloxía para que a información á que se fai referencia poida ser comparada e analizada. A maiores, a Plataforma permitirá seguir avanzando nos orzamentos participativos e fomentar que o acceso aos datos por parte da cidadanía sexa sinxelo e práctico.

Grazas a posta en marcha desta Plataforma poderase facilitar o cumprimento da ordenanza de transparencia, aforrando recursos propios ao partir das estruturas que teñen cidades como Madrid ou Zaragoza, que son referentes en materia de transparencia con índices internacionais superiores aos 90 puntos.

Este proxecto suporá un importante aforro en tempo e esforzo para os funcionarios municipais, ao permitir a subida de certos datos de forma automática. O alcalde quixo destacar a importancia da colaboración intermunicipal nun proxecto "que valoraba o punto de partida das cidades concorrentes", de tal xeito que, de terse presentado o noso concello por separado, "teriamos menos posibilidades de que nos concederan esta subvención para seguir traballando, como levamos facendo dende hai un ano, na mellora da transparencia".

Compartir: