FESTAS

Máis de 80.000 persoas participaron nas festas do Apóstolo 2016, as máis descentralizadas dos últimos anos

02/08/2016 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, fixo balance esta mañá das festas do Apóstolo 2016, que congregaron a "milleiros de veciños e veciñas na cidade, enchendo as rúas e as prazas durante os 16 días de festa". Os festexos comezaran o 15 de xullo, co pregón do médico Anxo Carracedo, que suscitou moito interese e congregou a numeroso público na praza do Obradoiro.

O alcalde destacou "a alta participación" dunhas festas que chegaron aos barrios e ás parroquias grazas a programas como Artellando nos barrios, que ofreceu 16 actuacións na semana do 18 ao 24 de xullo, ou Artellando nos recunchos, cunha media de asistencia de 2.600 persoas.

Para Martiño Noriega, foron ademais unhas festas transversais onde houbo cabida a actividades organizadas dende distintos departamentos do Concello. É o caso de Compostela Dub System, que incluíu obradoiros e sesión DJ dirixida ás persoas máis mozas e que se organizou dende o Departamento de Mocidade ao abeiro dos orzamentos participativos do ano pasado.

Este ano recuperouse tamén o espazo da praza do Toural, unha das máis importantes da cidade e onde se desenvolveron concertos que atraeron a máis de 2.500 persoas nos catro días de programación.

Éxito na Quintana
A principal protagonista foi a praza da Quintana, con concertos todos os días do Apóstolo e unha media de asistencia de 3.500 persoas. "Houbo cheo total nos concertos de Nneka, Nik West e Mambo Jambo ou Charles Bradley, con 4.500 persoas, e case cheo, con 4.000 asistentes, nos concertos dos grupos galegos como Terbutalina e Caxade, no concerto de góspel ou no de The Dandy Warhols".

Martiño Noriega destacou "a alta calidade dos artistas que actuaron na Quintana, convertendo Santiago nun referente musical nos 16 días de festa" e defendeu tamén "a aposta que nesta festas se fixo polos grupos locais". Iso deu como resultado programación como a Música a pé de rúa ou o Serán de hip hop, que congregaron a máis de 1.000 persoas.

Música a pé de rúa, unha iniciativa xurdida tamén dende o Departamento de Mocidade ao abeiro dos orzamentos participativos do 2016, permitiu que seis grupos de Santiago demostraran a súa calidade artística: Mojo Experience, Adelines’s Garden, Hellorice, The Candidates e Ivy Moon.

Romaría Cativa
A Romaría Cativa foi outra das actividades que máis éxito de público tivo nestas festas, cunha asistencia de 8.000 persoas. O evento repetiu, por segundo ano consecutivo, como a oferta do Apóstolo máis familiar. Sumada á gala Circompostela, foi un elemento máis de diversidade que amosa que estes festexos foron máis diversos e acaídos para toda a cidadanía. O parque de Bonaval foi escenario desta nova edición da gala circense, que contou coas actuacións de Xandobela, o circo de Javi Javichi, Pablo Díaz ou a Banda do Tic-Tac.

Houbo espazos de xogos para os e as máis pequenas e o cantante Xoán Curiel presentou o seu traballo Estamos no verán, celebrándose ademais un obradoiro de músicas para o peto.

Direccións relacionadas



Compartir: