LINGUA

As rúas volven ser para xogar grazas a un programa do Departamento de Lingua

27/07/2016 Que os nenos e nenas xoguen libremente nas rúas, como se facía antes, e que o fagan ademais utilizando a nosa lingua. É o obxectivo do programa Despois de merendar… a rúa é nosa!, que hoxe presentou o alcalde nunha rolda de prensa na que estivo acompañado pola técnica de Lingua Marta Besada e polas monitoras de Xandobela Nerea Couselo e Chus Caramés.

Martiño Noriega explicou Despois de merendar… a rúa é nosa! é unha actividade que "busca que os nenos e nenas se socialicen en galego, a través do xogo, e recuperando o hábito de xogar na rúa do xeito máis libre posible". O alcalde lembrou que, ao contrario que xeracións anteriores, "as crianzas de hoxe non están afeitas a utilizar o espazo público para se divertiren, en parte porque teñen acceso a outros moitos recursos e ferramentas para facelo nas súas casas, como os videoxogos ou os ordenadores".

A técnica de Lingua, Marta Besada, explicou que a actividade se vai desenvolver nos días laborables do mes de agosto. Para participar, os nenos e nenas non teñen máis que achegarse ao punto de encontro, fixado na Praza de Abastos, ás seis e media da tarde. Unha vez identificados cun pano do programa, as crianzas terán por diante dúas horas de xogo.

De organizalas e de coidar dos nenos e nenas encargaranse monitores de Xandobela, unha empresa local cunha gran experiencia en tempo libre e xogos tradicionais. Dúas das monitoras, Nerea Couselo e Chus Caramés, sinalaron que o seu desexo é que "xogar na rúa sexa para os nenos e nenas de hoxe algo natural, como o foi para os seus pais e nais".

Despois de merendar… a rúa é nosa! tamén persegue que as crianzas "saiban xogar indo cos petos baleiros, e procurando na propia cidade as cousas que precisan para xogar, como chapas, caixas ou unha tella coa que pintar unha mariola no chan". A actividade está dirixida a nenos e nenas de entre 6 e 12 anos, e formaranse grupos dun máximo de 20 rapaces e rapazas.

Compartir: