CONSORCIO

A Real Filharmonía celebrará 22 concertos na nova temporada de abono, unha ópera e actuacións didácticas, familiares e nos barrios

26/07/2016 A Real Filharmonía de Galicia (RFG) presentou esta mañá a súa nova temporada de abono 2016-2017 na súa sede, o Auditorio de Galicia. Asistiron ao acto o alcalde de Santiago e presidente do Consorcio de Santiago, Martiño Noriega; a concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra; a xerente do Consorcio da cidade, Belén Hernández; ademais do director titular e artístico da orquestra, Paul Daniel.

A RFG celebrará 22 concertos de abono, que se adiantarán ás 20:30 horas por desexo maioritario dos aboados, tras a enquisa realizada polo Consorcio e o Auditorio. A orquestra afrontará o repertorio clásico que a caracteriza, pero ademais, no seu afán de innovar, explorará novos camiños musicais, abordando un repertorio nunca antes interpretado. Tal como manifestou Paul Daniel, "buscamos mesturar o vello co novo, o antigo co novidoso, e nesa liña deseñamos o programa. Sempre en continuo movemento, evolucionando, redefinindo o noso propio camiño".

Concertos para as familias e actuacións nos barrios
Co fin de achegar a música clásica e a RFG a novos públicos, continúa con cinco concertos o ciclo Descobre unha orquestra para ti, a túa!, que arrancou con grande éxito a temporada pasada, dirixido ás familias, aos máis novos e aos que non teñen a oportunidade de asistir habitualmente aos concertos de abono, a un prezo asequible e nun horario máis accesible. E, dada a resposta dos veciños ás actuacións nos barrios, a orquestra sairá á rúa con varios concertos gratuítos. Os primeiros serán a principios de outubro nos centros socioculturais de Vite, Santa Marta e Fontiñas. Ademais, celebraranse concertos didácticos para os colexios e algúns ensaios estarán abertos ao público.

O alcalde salientou "a sorte que temos de manter na cidade á Real Filharmonía de Galicia, unha orquestra de gran calidade. E a nosa aposta é que os cidadáns a coñezan e a valoren. Queremos achegala ao maior número de públicos posible, aos barrios e á rúa; nun proceso dinámico que está a ter moi boa resposta entre os composteláns".

A temporada de abono comezará o 13 de outubro, coa estrea dunha obra que o compositor compostelán Fernando Buide está a escribir para a RFG. E concluirá cunha nova colaboración con Abe Rábade, que estreará ao piano unha peza da súa composición. Outro galego, o director Diego García Rodríguez, levará de novo a batuta da orquestra nesta temporada. Ademais das estreas dos compositores autóctonos, haberá outras como o Concerto para clarinete e orquestra de Zebeljan. E continúa a colaboración con agrupacións musicais da cidade como a Escolanía da Catedral de Santiago, o Orfeón Terra A Nosa ou o coro de nenos da Escola Municipal de Música.

Unha ópera, o prato forte de novembro
En novembro porase en escena a ópera, en versión concerto, Os pescadores de perlas, de Bizet, a de máis éxito do compositor francés despois de Carmen. Esta produción, realizada en colaboración cos Amigos da Ópera de Vigo e de Santiago, poderá desfrutarase tanto en Compostela como na cidade olívica. Dirixida polo mestre Paul Daniel, contará coas voces dun coro e dos tenores Francisco Corujo e o galego Borja Quiza, o baixo Felipe Bou e a soprano Ruth Iniesta.

A orquestra participará ao longo da temporada en iniciativas e festivais consolidados na cidade como Cineuropa, que este ano cumpre o seu 30º aniversario; Peregrinos Musicais, o curso Música en Compostela, as festas da Ascensión e o concerto na Quintana no marco das festas do Apóstolo. E celebrará os xa tradicionais concertos de Nadal e da noite de Reis, xunto co concerto das Letras Galegas.

Ademais, continuarase coa experiencia CONvers@ndo con. Os directores e solistas que participan nos concertos manteñen unha charla distendida co público antes de cada actuación, coa finalidade de acercar a música clásica de maneira informal.

Recoñecidos directores á fronte da orquestra
En decembro porase de novo á fronte da orquestra o mestre Antoni Ros Marbà, o que fora director da agrupación durante 14 anos. Tamén levarán a batuta da RFG Christoph König, ata agora principal director convidado da orquestra; Jonathan Web, novo principal director convidado; Jaime Martín, Pierre Dumoussaud, Michal Nesterowicz, Manuel Hernández-Silva, Maxim Emelyanychev ou Fabien Gabel.

Jonathan Webb debutou na Opera House de Manchester con West Side Story, despois de graduarse na universidade desa cidade, onde estudou piano, violín e canto coral. Foi director do Teatro da Ópera de Tel Aviv. Ten colaborado con varios teatros líricos en Italia e dirixido en Portugal, España, Francia, Irlanda, Austria, Alemaña, Israel… Xa foi convidado en varias ocasións pola Real Filharmonía de Galicia e a Orquestra Sinfónica de Galicia.

Grandes solistas
Respecto aos solistas convidados, destacan figuras como os violinistas Anthony Marwood e Amaury Coeytaux, os pianistas Jorge Federico Osorio e Eric La Sage, os violistas Tasso Adamapoulos e Krysztof Chorzelski, o clarinetista Joan Enric Luna e o oboísta Lucas Macías (estes dous últimos tamén levarán a batuta) ou o violoncellista Alban Gerhardt, entre outros. Ademais, segue a apostarse por darlle protagonismo aos músicos da propia orquestra, algúns dos cales actuarán como solistas en varios concertos.

Nesta temporada o público terá a oportunidade de escoitar grandes voces como a da mezzosoprano Claudia Huckle; as de xoves intérpretes españois con proxección internacional como o tenor Enrique Ferrer, a soprano Naroa Intxausti, a mezzosoprano Marta Infante, o baixo Isaac Galán; ou as de coros como o de mulleres da Orquesta de la Comunidad de Madrid.

A programación da RFG complétase co ciclo de piano Ángel Brage, que este ano o compoñen tres mulleres pianistas: Gabriela Montero, Olga Scheps e Marianna Prjevalskaya.

Máis concertos nas cidades galegas
A Real Filharmonía de Galicia aumenta a súa presenza nas cidades galegas cun total de 15 actuacións pechadas, aínda que está previsto que se concrete algunha máis. Mantén a súa temporada de concertos estable en Vigo con oito actuacións. Ademais, a orquestra desprazarase a Lugo, Ourense e Ferrol. E previsiblemente podería celebrar tamén algún concerto en Madrid.

Compartir: