BANDO DA ALCALDÍA

Bando da Alcaldía: "María Miramontes, memoria galega e lilá do 36"

25/07/2016 O Concello de Santiago quere chamar a toda a veciñanza de Compostela a celebrar o 'Día Nacional de Galiza' e dedicarllo especialmente, neste 2016, á lembranza e homenaxe de María Miramontes. Unha muller que debe ocupar un lugar central na memoria colectiva da nosa cidade pola intensa labor activista que desenvolveu en Compostela.

Maria Miramontes chegou a Santiago en 1931, no mesmo ano que chegou a República. Xunto co seu home, Ánxel Casal, partillou militancia galeguista e un inmenso traballo cultural instalando o prelo da ‘Editorial Nós’ na Rúa do Vilar. Ambos soñaron un país mellor, mais non ficaron só niso senón que procuraron que ese futuro de liberdade imaxinado se tornase unha realidade.

María, tamén traballou de modista, militou no Partido Galeguista e destacouse tanto na campaña polo Estatuto galego como na súa preocupación pola situación das mulleres. O golpe do 36 truncou os seus soños así como o futuro do noso país. Asasinado Ánxel é obrigada a instalarse en Buenos Aires. Alí colabora con moitas outras persoas exiliadas políticas para manter aceso o facho da nosa memoria colectiva. Morre en 1964 no sanatorio do Centro Galego.

A memoria é un exercicio de saúde democrática, aínda máis necesario no caso deses pasados incómodos que os vencedores tentaron reducir ao esquecemento. É o noso deber que non fiquen máis tempo ocultos. Porque só desde o achegamento a ese pasado conseguiremos construír o futuro. Como Concello e como cidadanía é o noso deber participar da construción desa memoria.

A nación galega que desexamos é cívica, colectiva e fraterna. Santiago quere ser a súa capital, a dun país transformado, máis xusto, máis democrático, máis bo e xeneroso, máis igualitario. Construído para as súas xentes. Tamén desde unha perspectiva feminista. Tal e como imaxinou, soñou e desexou María.

Ela e tantas outras mulleres e homes que loitaron por todo isto, sabemos que sentirían un forte orgullo de ver a súa cidade liderar esa Galiza que tantas, e tantas, veces soñaron.

É o noso deber lembrar a súa memoria, por iso este 25 de xullo de 2016 queremos dedicalo a esta veciña de Compostela que se atreveu a crer na nación galega.

Documentos relacionados



Compartir: