FESTAS

As festas do Apóstolo, escenario do I Encontro Internacional en torno á cultura xamaicana e o movemento Sound System

21/07/2016 O vello colexio Ramón Cabanillas, no Castiñeiriño, acollerá o sábado o I Encontro Internacional en torno á cultura xamaicana e o movemento Sound System celebrado en Galicia. O evento Compostela Dub 2016, enmarcado nas festas do Apóstolo, está promovido pola Asociación Cultural MaisLume e financiado ao abeiro do proxecto piloto de Orzamentos Participativos na área de Mocidade.

A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, presentou hoxe esta cita, "que volve demostrar que a diversidade é unha das máximas que guiou o deseño da programación do Apóstolo". Ademais, a edil puxo o acento en que este encontro axuda a "darlle visibilidade ao traballo que fan os colectivos de Compostela integrados por xente moza".

Na presentación do encontro participou Yago Rilo, da Asociación Cultural MaisLume, que explicou que un dos obxectivos é amosar que a cultura xamaicana "vai moito máis alá dos clichés máis estendidos, relacionados coas rastas e a marihuana". Nese sentido, explicou as orixes do sound system, que "se remontan ás plantacións xamaicanas nos anos 50, e que logo coa inmigración foron chegando a outros países como Inglaterra". Yago Rilo apuntou que "o dub é a base de toda a música electrónica actual, e chega a todo tipo de xente porque é máis de sentir que de escoitar".

Artistas internacionais
O I Encontro Internacional en torno á cultura xamaicana e o movemento Sound System celebrarase a partir das doce do mediodía no antigo colexio Ramón Cabanillas. Dende esa hora poderanse ver dúas exposicións, relacionada coa temática do evento. A primeira é unha mostra coa obra de Sil Cunningham, unha artista arxentina afincada en Reino Unido que realizou retratos en acuarela das grandes iconas do reggae. A outra é unha exposición coas fotografías da pontevedresa Mousephoto, que leva anos recorrendo todos os eventos musicais relacionados co Sound System.

A programación do encontro continúa a partir da unha cun obradoiro de percusión africana a cargo da asociación Trópico de Grelos, e coa proxección dun documental relacionado coa cultura xamaicana. De seguido, haberá un xantar popular xamaicano de balde. Xa pola tarde, a partir das tres, desenvolverase un obradoiro de Produción e Mestura de Dub, impartido por Javier Vícalo.

Ás catro da tarde comezará a música. Están programadas tres actuacións: Carlton Sheperd e Pupa Congo, de Girona; Kebra Ethiopía Sound, chegados de Sudáfrica e que farán en Santiago a súa primeira actuación en España; e os holandeses King Shiloh, que están por primeira vez en Galicia e por terceira vez en España.

Prevese que esta programación, toda de balde, se prolongue ata as dúas da madrugada. A partir de aí celebrarase unha post-festa organizada por MaisLume na Sala Malatatesta, coas actuacións de Brainless Sound e Antxon Sagardui e cunha entrada de cinco euros.

Direccións relacionadas



Compartir: