CONVIVENCIA

Máis de 400 vehículos inspeccionados na última campaña de control das condicións técnicas do vehículo feita pola Policía Local

19/07/2016 Un total de 421 vehículos foron controlados pola Policía Local de Santiago durante a última campaña de vixilancia e control de condicións técnicas, no marco da campaña impulsada pola Dirección Xeral de Tráfico a nivel estatal do 11 ao 17 de xullo. En concreto, foron inspeccionados 353 turismos, 21 motos/ciclomotores, dous autobuses e 45 vehículos de mercadorías.

Do total de vehículos controlados, 34 condutores foron propostos para sanción. Esa cifra supón o 8,08% do total, un 5,39% máis que na mesma campaña do ano pasado. Deses condutores denunciados, nove fórono por teren os pneumáticos en mal estado, oito por infraccións relacionadas coa documentación do vehículo, un por circular cunha placa ilexible, e dez por outros motivos (non uso do cinto, non portar os accesos do vehículo regulamentados…).

Mal estado dos pneumáticos
A Policía Local chama a atención sobre o feito de que o 26,47% dos vehículos denunciados circularan con defectos graves nas rodas. Nese sentido, lembra que os pneumáticos constitúen o único e decisivo contacto coa estrada, son os encargados de asegurar a adherencia no empuxe, na freada e no deslizamento lateral. Tamén se encargan de que a dirección do percorrido do vehículo sexa a desexada polo usuario.
A principal infracción en relación aos pneumáticos ten que ver co feito de levar unha profundidade do debuxo por baixo do límite legal de 1,6 mm.

A Policía Local lémbralle a toda a cidadanía que é preciso prestarlle unha especial atención ao adecuado mantemento e posta a punto de todos os elementos de seguridade do vehículo: pneumáticos, freos, luces e sinalización, etc. Todos eles son importantes para evitar os accidentes de tráfico.

Compartir: