FESTAS

O góspel toma a praza da Quintana noutra xornada das festas do Apóstolo

19/07/2016 A praza da Quintana vivirá mañá mércores outra noite de música, nun concerto que estará protagonizado polo góspel e o blues. A partir das dez da noite, subirán ao escenario os New World Gospel Ensamble, e Mo Rodgers Blues Band. O concerto, como todos os das festas do Apóstolo, será de balde.

Baixo a dirección de Kelvin Sholar, New World Gospel Ensamble é unha formación que lle rende homenaxe a toda a tradición da música espiritual negra, dende as súas orixes nas plantacións negras ata as súas derivacións máis urbanas. O máis característico da agrupación é que está integrada por cantantes con formación operística, que puxeron o seu talento ao servizo da tradición do góspel.

Mo Rodgers é un músico e cantante estadounidense que ten publicados seis discos, e que bebe da influenza do traballo de Aretha Franklin, Bobby Bland, Otis Redding ou Jimmy Reed. Está considerado como un soplo de aire fresco no blues, que combina un gran son funky cunha voz única e orixinal.

A axenda musical de mañá tamén inclúe un concerto de María Rodés na praza do Toural, a partir das 11 da noite e dentro do ciclo Artellando na noite. María Rodés é unha compositora e cantante barcelonesa, que ten publicados dous discos en solitario, Una forma de hablar e Sueño triangular, e un xunto a Andy Poole baixo o nome artístico de Oniric.

Artellando nos barrios e nos recunchos
As actividades de mañá nas festas do Apóstolo complétanse co programa Artellando, que lle dará protagonismo ao rural de Compostela. Ás doce do mediodía, no Centro Sociocultural de Nemenzo Ana Carreira contará as súas Pequenas historias, e no Centro Sociocultural de Laraño actuará Elefante Elegante, que repetirá ás sete da tarde no Centro Sociocultural da Gracia. Á mesma hora, na praza Roxa estará Javi Javichi, co seu espectáculo Veló como el rayo.

Por último, a sección "Artellando nos recunchos" chegará á praza da Oliveira, coa performance de L.A.R. Legido.

Direccións relacionadas



Compartir: