FESTAS

As festas do Apóstolo seguen en movemento este martes co programa Artellando

18/07/2016 Mañá martes será unha xornada intensa nas festas do Apóstolo, grazas ao programa Artellando. Para as doce do mediodía están previstas dúas actividades: na praza do Cruceiro Vello de Conxo actuará Pistacatro Produtora de Soños, e no Centro Sociocultural de Marrozos estará Fátima Villamel, cos seus contos signados. Xa pola tarde, ás sete no Centro Sociocultural do Castiñeiriño, repetirá Pistacatro.

A sección "Artellando nos recunchos" chegará mañá á praza 8 de marzo con dúas propostas. Ás nove da noite, poderemos gozar do circo-teatro de Shakti Olaizona, e ás dez e media será o turno de Aldaolado, a atractiva combinación de poesía, música e humor que leva a sinatura de María Lado e Lucía Aldao.

Mañá tamén continuará o "Artellando na noite", desta vez co portugués Luiz Caracol na praza do Toural. Será a partir das once da noite.

Concerto na Quintana
O gran concerto de mañá na praza da Quintana será o que ofrezan a partir das dez da noite Petitet e a súa Orquestra Sinfónica de Rumba del Raval. Esta formación, integrada por 20 músicos, está liderada por Joan Ximénez Valentí, Petitet, e naceu hai pouco máis dun ano para lle dar unha nova vida á rumba catalá. O concerto de mañá, como todos os do Apóstolo, será de balde.

Direccións relacionadas



Compartir: