FESTAS

Nneka anima os asistentes ao concerto desta noite na Quintana a "vivir o momento"

18/07/2016 A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, presentou o concerto que a cantante nixeriana Nneka ofrecerá este luns no marco das festas do Apóstolo, acompañada pola propia artista, quen animou a composteláns e visitantes a acudir á praza da Quintana "sen expectativas" e dispostos a "vivir o momento" nunha actuación que promete sorpresas. O concerto comezará ás 22:00 horas, con entrada de balde.

Unha sorpresa, en forma de colaboración galega – segundo anunciou a concelleira- abrirá o concerto, no que Nneka interpretará temas do seu último disco, My Fairy Tales, pero tamén de traballos anteriores e, a modo de adianto, algún tema aínda non publicado. É a primeira vez que a artista nixeriana está en Santiago de Compostela.

Os que se acheguen ata a praza da Quintana poderán escoitar unha música na que se mesturan os ritmos africanos máis tribais con outros coma o hip hop, o soul ou o reggae. Nas súas letras, en inglés ou igbo, Nneka dá conta de experiencias persoais pero tamén hai espazo para a crítica social

Direccións relacionadas



Compartir: