ALCALDÍA

Martiño Noriega reivindica a memoria no 80º aniversario do Golpe de Estado de 1936

18/07/2016 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, inaugurou esta mañá o Congreso Internacional 1936, un novo relato. 80 anos entre historia e memoria, que organiza Histagra en colaboración co Concello de Santiago.

Na súa intervención, Martiño Noriega reivindicou a memoria cando se cumpren 80 anos do levantamento franquista. "Dende o Goberno municipal sabiamos a responsabilidade que nos correspondía ao estarmos obrigados a lembrar o 36, tamén en Santiago. Por iso cando os amigos e amigas de Histagra nos presentaron este evento, que hoxe inauguramos, quixemos ver como podiamos colaborar".

O alcalde explicoulle aos asistentes que dende o Concello de Santiago "marcámonos o obxectivo de facilitar que a nosa veciñanza poida indagar na nosa memoria, tamén neses pasados incómodos que é preciso non esquecermos. É de vital importancia preguntármonos sobre ese verán de 1936, durante as nosas benqueridas festas do Apóstolo, como foi posíbel que nunha cidade plural e republicana, como era a Compostela da época, en tan só unhas semanas triunfara a sublevación e se convertese nunha urbe gris e cun alto grao de represión".

O Congreso Internacional que lembra o Golpe de Estado de 1936 terá lugar entre este luns 18 e o mércores 20. Durante as tres sesións haberá mesas redondas, debates, coloquios e conferencias de persoas expertas na materia procedentes de diferentes universidades do conxunto do Estado.

Documentos relacionados



Compartir: