FESTAS

Anxo Carracedo abre o Apóstolo 2016 reivindicando máis apoio para a ciencia

15/07/2016 O catedrático de Medicina Legal Anxo Carracedo abriu esta noite as festas do Apóstolo cun pregón dende o balcón do Pazo de Raxoi no que lembrou o seu vencello a Compostela e no que reivindicou máis apoio para a ciencia e a universidade.

Carracedo, que agradeceu que o Concello elixira a un científico para abrir as festas "porque iso significa que a investigación goza dun recoñecemento social que antes non tiña, comezou a súa intervención recordando ás vítimas do accidente do Alvia "porque non haberá máis festas do Apóstolo sen pensar nelas", e ás vítimas da "absurda matanza de onte en Niza".

O pregoeiro lembrou como visitou por primeira vez Santiago tendo nove anos, como logo estudou no colexio Peleteiro, e a rivalidade que tiñan os seus alumnos cos de La Salle. Tamén lembrou o seu paso pola Facultade de Medicina e asegurou que leva "Compostela, a nosa Universidade e o noso país galego con orgullo polo mundo adiante, porque non hai cidades nin terras tan fermosas e acolledoras como Santiago e Galicia".

"Queremos facer ciencia aquí"
Anxo Carracedo reivindicou que "a investigación é o motor do progreso e o apoio social é vital, por iso este xesto do Concello é un primeiro paso para que gobernos e empresarios se decaten da importancia de investigar, descubrir e aplicar os descubrimentos". O director da Fundación Pública de Medicina Xenómica dixo que a súa elección como pregoeiro "semella un aceno amable cara aos nosos investigadores, moitos deles mostrando o que valen polo mundo adiante, para dicirlles que aquí van ter oportunidades para desenvolveren os seus talentos".

Carracedo dixo soñar cunha Universidade de aquí "na que a investigación teña o nivel que acadou en Oxford ou Cambridge, porque queremos facer ciencia aquí". Nesa liña, reivindicou "os recursos necesarios para que cantos nos formamos en Galicia poidamos vivir onde nos pete, para que nas nosas aulas e nos nosos laboratorios recibamos unha procesión de científicos visitantes tan continua como a dos peregrinos que rematan camiño no Obradoiro".

O pregoeiro rematou o seu discurso invitando a composteláns e visitantes a "gozar das festas e do meigallo de Compostela, e a manter o ánimo positivo", e declarándose orgulloso "por ser o teloneiro de Deolinda, o meu grupo favorito".

Documentos relacionados



Compartir: