CONSORCIO

O Consorcio destinará 70.000 euros ao mantemento e reparación dos pavimentos da cidade histórica no segundo semestre do ano

15/07/2016 O Consorcio de Santiago acaba de adxudicar o servizo de mantemento e reparación dos pavimentos do recinto intramuros da cidade histórica para o resto do ano á empresa 2000 Joscon Construcciones, S. L. O organismo destinará 70.000 euros a estas actuacións.

A pedra que pisas é un programa de mantemento do espazo público na cidade histórica impulsado polo Consorcio de Santiago dende o ano 2007. Oriéntase ao establecemento dunha dinámica estable de posta en valor, conservación e reparación dos máis de 60.000 metros cadrados de lousados de granito do casco histórico compostelán. Diferentes equipos de traballo, integrados por canteiros especializados na conservación de pavimentos históricos, reparan e manteñen ao longo do ano as rúas e prazas do casco histórico, baixo a planificación da Oficina Técnica do Consorcio.

Nesta ocasión, o programa pretende recuperar o carácter formativo que tivo nas súas orixes, pois a empresa que gañou o concurso ofertou a contratación adicional de tres aprendices de cantería, que se integrarán nos equipos de profesionais que realicen as tarefas de mantemento.

O obxecto prioritario deste servizo é garantir a seguridade dos peóns e dos cidadáns en xeral que se moven a pé no ámbito da cidade histórica. Con este propósito, o equipo de canteiros atenderá calquera solicitude dos cidadáns para reparar de xeito inmediato calquera situación de risco para os viandantes.

Os cidadáns poden enviar ao Consorcio fotografías ou comunicacións por escrito respecto ao deterioro do empedrado ao enderezo apedraquepisas@consorciodesantiago.org. Os técnicos do Consorcio valorarán cada caso en particular e a empresa de mantemento encárgase de emendar o dano.

Actuacións no primeiro semestre
O Consorcio de Santiago destinou a este programa un total de 42.611,93 euros no primeiro semestre, con 88 actuacións en 18 rúas e prazas. Interveuse nas rúas Casas Reais, Porta Faxeira, Algalia de Arriba, A Conga, Porta da Pena, Orfas, Bautizados, Santa Cristina, O Franco, Preguntoiro, Rúa Nova, Rúa Travesa e Rúa do Toural. Así mesmo, actuouse no pavimento das prazas de Cervantes, Praterías, San Miguel, Toural e na do Obradoiro.

A necesidade de regular o tráfico de mercadorías na cidade histórica
O Consorcio de Santiago lembra que o programa pretende atenuar a deterioración que inevitablemente se produce de forma sistemática debido á circulación frecuente de vehículos pesados e outros malos hábitos na limpeza e mantemento dos pavimentos da cidade histórica; polos que non só camiñan os cidadáns, senón que tamén discorren as augas camiño dos sumidoiros e, por debaixo dos mesmos, están as infraestruturas indispensables para asegurar a habitabilidade, a produtividade e mesmo a competividade da cidade.

"Debemos de ser conscientes de que a verdadeira solución aos recorrentes problemas de deterioración dos pavimentos da cidade histórica só pode abordarse dende a regulación e xestión da mobilidade de persoas e mercadorías e dende as directrices que defina o Plan Director de Infraestruturas Urbanas. Mentres este asunto non se trate con carácter integral, estamos condenados a reparar unha e outra vez as mesmas pedras, que non son outras que aquelas que reciben o tráfico máis frecuente e máis pesado", manifestan dende o Consorcio de Santiago.

Compartir: