FESTAS

Folclore e homenaxe a Los Tamara na primeira fin de semana do Apóstolo

15/07/2016 A primeira fin de semana das festas do Apóstolo vai ter un marcado carácter musical. Despois do pregón de Anxo Carracedo e o primeiro gran concerto, con Deolinda, o sábado será o momento dunha das citas máis tradicionais dos festexos: a Xornada de Folclore Galego.

A cita será na praza da Quintana, a partir das 21.30 horas, coa participación de Brincadeira, Cantigas e Agarimos, Colexiata do Sar e Ultreia. Deste xeito, a actividade, patrocinada polo Centro Comercial As Cancelas, reunirá ás agrupacións máis recoñecidas de Compostela, as catro con moitos anos de traballo en prol da recuperación da música e do baile tradicionais galegos.

Homenaxe a Los Tamara
A programación do Apóstolo continuará o domingo, cun gran concerto da Banda Municipal de Música, que lle renderá homenaxe a Los Tamara. A formación, dirixida por Casiano Mouriño, estará acompañada por Rosa Cedrón, Paco Lodeiro e Miguel Ladrón de Guevara, como cantantes solistas. A actuación será na Praza da Quintana, con entrada libre, a partir das dez da noite.

O luns comeza o Artellando
Despois das actividades da fin de semana, o próximo luns bota a andar o programa Artellando, a aposta do Concello para descentralizar e diversificar as festas. Haberá máis de trinta actividades polos centros socioculturais e parroquias de Compostela, pensadas para todos os públicos e con especial atención ao infantil.

O programa Artellando divídese en varios bloques. O primeiro é "Artellando nos barrios", con contacontos, música, teatro e maxia nos centros socioculturais e nalgúns espazos públicos. "Artellando nos recunchos" inclúe concertos, espectáculos de danza contemporánea e circo nalgunhas pequenas prazas da cidade histórica, como San Clemente, Salvador Parga ou a praza da Oliveira. Noutras dúas prazas da zona vella, Cervantes e Pescadería Vella, terán lugar as sesións vermú do Artellando, con Mr. Cool e Felipe Castro. Tamén dentro do Artellando celebraranse o "Baile Assalto", clases de baile na praza do Toural, a Gala do Circo Compostelán, e a Romaría Cativa do Parque de Bonaval.

Direccións relacionadas



Compartir: