FESTAS

Deolinda promete converter o Obradoiro nunha festa no seu concerto desta noite

15/07/2016 As festas do Apóstolo arrancan esta noite co pregón de Anxo Carracedo, e de seguido o protagonismo será para Deolinda. O grupo portugués ofrecerá un concerto na praza do Obradoiro, no que presentará o seu cuarto disco, Outras historias. Este mediodía, os seus catro integrantes ofreceron unha rolda de prensa, na que estiveron arroupados polo alcalde compostelán.

Martiño Noriega lembrou que "despois de dez anos de traxectoria, Deolinda son o principal referente da música portuguesa, e por iso é un orgullo que estean en Compostela para abrir as nosas festas". O rexedor definiunos como "un grupo tremendamente elegante e con identidade propia, que sabe reinterpretar a tradición desde a vangarda".

Os catro membros de Deolinda declaráronse orgullosos de tocar en Compostela, no primeiro concerto do Apóstolo. A cantante, Ana Bacalhau, asegurou que o concerto desta noite "vai ser unha gran festa na que se presentarán os temas do seu novo disco, pero tamén as cancións máis clásicas do seu repertorio". Deolinda lembrou que o desta noite será o seu cuarto concerto en Galicia, "o lugar no que por primeira vez nos lanzaron flores ao escenario". Tamén reivindicaron a unión entre Galicia e Portugal, "irmáns de corazón e non só de boca para fora".

O concerto de Deolinda, na praza do Obradoiro e con entrada libre, comezará ao remate do pregón que Anxo Carracedo pronunciará dende os balcóns do Pazo de Raxoi ás 23:00 horas.

Direccións relacionadas



Compartir: