IGUALDADE

Marta Lois participa na apertura dunha xornada da USC sobre a incorporación da perspectiva de xénero na docencia

15/07/2016 As tres universidades galegas organizan dende hai catro anos unhas xornadas de debate e reflexión arredor da cuestión de xénero, co obxecto de profundar nesta temática dende unha perspectiva investigadora. A cuarta sesión deste encontro desenvólvese este venres na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, centrada na práctica docente coa finalidade de impulsar a aplicación da transversalidade de xénero como criterio de excelencia universitaria.

O encontro inaugurouse nun acto no que participaron a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois; o reitor da USC, Juan Viaño; o seu homólogo da Universidade da Coruña, Julio Abalde; a secretaria xeral da Universidade de Vigo, Gloria Pena; e a secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella.

A sesión inaugural continuou coa conferencia "O que a universidade debe ás mulleres", de Marina Subirats, experta en educación e xénero e profesora emérita de Socioloxía da Universitat Autònoma de Barcelona. Completaban o programa tres sesións orais e unha de pósteres para a exposición das 40 comunicacións aceptadas, todas elas sobre os logros na incorporación do enfoque de xénero na Universidade en disciplinas de diversos campos como a economía, a filoloxía, as ciencias da educación, a física, a química ou a astronomía.

Compartir: