XUNTA DE GOBERNO

O Concello de Santiago prevé restaurar o itinerario fluvial do Sarela ao abeiro do Programa Provincial de Medio Ambiente

15/07/2016 A Xunta de Goberno aprobou hoxe a participación do Concello de Santiago no Plan Provincial de Medio Ambiente 2016. O Goberno local presentará un proxecto de restauración e mellora do itinerario fluvial "De ponte a ponte polo río Sarela". A actuación ten un orzamento de 87.397,40 euros, dos que 61.620,74 procederían da Deputación da Coruña e 25.776,66 do Consorcio de Santiago.

Con esta actuación, a Concellaría de Medio Ambiente e Convivencia pretende recuperar un roteiro de 7,5 quilómetros de lonxitude, dende O Romaño ata Vidán. Trátase dun percorrido que se podería dividir en nove etapas, tantas como pontes hai nese tramo do río Sarela.

Asesoría xurídica do Concello
A Xunta de Goberno aprobou a creación da praza de director da asesoría xurídica do Concello e a súa atribución temporal de funcións ao director da área de persoal, contratación e informática. O alcalde, Martiño Noriega, explicou que "esta praza debería estar creada desde 2004, pero no seu momento optouse por acumular esas funcións no Secretario do Concello". Agora, o Goberno entende que a carga de traballo existente, que mesmo obriga á contratación de avogados externos, fai recomendable poñer en marcha a praza de xeito temporal, co obxectivo de incluíla no cadro de persoal cando sexa posible.

Capitalidade e outros convenios
A Xunta de Goberno aprobou hoxe o convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Facenda, e o Concello de Santiago, para sufragar os gastos derivados da capitalidade. Tal e como recollen os orzamentos autonómicos, a achega da Xunta será de 2.325.000 euros, e o pagamento será en tres fraccións. A partida é idéntica á de 2015.

O Executivo local tamén aprobou o convenio de colaboración coa asociación cultural Tempo con Xeito, para impulsar actividade culturais na zona nova, e deuse conta da aprobación do convenio coa Asociación Cultural Correlingua, que supón unha achega municipal de 2.500 euros. Tamén se deu conta de dous importantes convenios asinados nos últimos días: o acordo coa Fundación Amancio Ortega para a construción dunha escola infantil no Castiñeiriño, e o convenio coa Federación Galega de Fútbol que permitirá arranxar o Estadio de San Lázaro.
Relacionado con estas instalacións deportivas, a Xunta de Goberno aprobou a cesión provisional do estadio de San Lázaro e do campo de adestramento de San Lázaro II a favor da S.D. Compostela, durante a tempada 2016-2017.

Por último, aprobouse o convenio de colaboración coa Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí para o desenvolvemento do programa "Vacacións en Paz", ao que o Concello fai unha achega de 5.340 euros.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: