FESTAS

A Banda Municipal réndelle homenaxe a Los Tamara nas festas do Apóstolo

14/07/2016 A Banda Municipal de Música sumarase o domingo á programación das festas do Apóstolo cun concerto moi especial, no que lle renderá homenaxe a Los Tamara. Será a partir das dez da noite na praza da Quintana e con entrada libre. A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra e o director da Banda, Casiano Mouriño, presentaron hoxe esta proposta, nunha rolda de prensa na que tamén participaron Rosa Cedrón e Paco Lodeiro, dous dos tres cantantes solistas que participarán no recital. O terceiro será Miguel Ladrón de Guevara.

A concelleira de Acción Cultural lembrou que Los Tamara representaron "hai case 60 anos o inicio do pop e unha nova vida para a canción popular galega". Branca Novoneyra tamén salientou que formación liderada por Pucho Boedo levou o nome de Galicia aos destinos máis diversos "e tocou en escenarios inesquecibles como o Casino de Orán, o Negresco de Casablanca, ou o Olympia de París" A edil tamén salientou o compromiso de Los Tamara "coa terra e coa lingua, xa que dende finais dos 60 compuxeron e cantaron en galego, por empeño persoal dun dos fundadores do grupo, Prudencio Romo".

O director da Banda, Casiano Mouriño, tamén reivindicou a importancia de Los Tamara, e aproveitou para sinalar que "a Banda Municipal de Música está nos seus mellores momentos a nivel profesional". Por iso, incidiu en que "o obxectivo agora debe ser darse a coñecer a outro tipo de público, e para iso son moi importantes concertos como este, en espazos públicos como a Quintana".

Un concerto para bailar e emocionarse
No concerto do domingo, a Banda Municipal de Música estará acompañada por Miguel Ladrón de Guevara, Rosa Cedrón e Paco Lodeiro como cantantes solistas. Os dous últimos insistiron en que o recital será "para bailar e emocionarse, lembrando a un grupo que é un referente para a infancia de moitos".

Paco Lodeiro aproveitou a rolda de prensa para lembrar a traxectoria de Los Tamara, e para reivindicar a súa importancia para Compostela "porque se a calquera lle preguntan tres cancións nas que se cite a Santiago, seguramente as tres serán de Los Tamara". O cantante quixo incidir tamén na importancia que ten para el o concerto a nivel persoal porque "cantar na praza da Quintana e como xogar ao fútbol en Wembley".

Na mesma liña, Rosa Cedrón asegurou que "é un enorme privilexio cantar en Santiago, e máis nun escenario como o da praza da Quintana". Tamén se mostrou moi satisfeita por retomar a relación cunha Banda de Música porque ela tocou "durante anos na Banda Municipal de Música da Coruña, cando estas formacións se dedicaban a pouco máis que tocar pasodobres".

Outros concertos da Banda no Apóstolo
A concelleira de Acción Cultural aproveitou para lembrar que a Banda Municipal de Música ten previsto ofrecer outros concertos durante as festas. Serán o 21 de xullo, cunha actuación dedicada aos bailes de salón; o mércores 27, no marco das celebracións do Día de Padrón en Santiago; e o xoves 28, acompañada polo grupo tradicional Tequexetéldere.

Compartir: