CONVIVENCIA

Os concellos da Mancomunidade seguen estudando vías de colaboración

14/07/2016 Os concellos da Mancomunidade da Comarca de Compostela seguen explorando vías de colaboración, unha vez reactivado este órgano no pasado mes de maio, tras máis de catro anos sen terse celebrado ningunha reunión do seu plenario. Onte tivo lugar unha xuntanza da Comisión Mixta creada para abordar cuestións de interese para os sete municipios membros, que non estean relacionadas coas emerxencias ou coas contas da mancomunidade. A reunión estivo presidida polo concelleiro compostelá de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, e contou coa participación de representantes dos concellos de Ames, Brión, Boqueixón, Teo e Vedra.

A Comisión Mixta acordou estudar, ao longo deste ano, a posibilidade legal de crear unha Tarxeta Cidadá. O obxectivo sería que os veciños de todos os concellos membros da Mancomunidade poidan utilizar os servizos dun ou outro municipio en condicións vantaxosas. Tamén se falou da posibilidade da contratación conxunta do subministro eléctrico, e da cooperación noutros servizos como a recollida do lixo ou a xestión da auga.

Xan Duro tamén lle presentou aos representantes dos outros concellos o protocolo comarcal de loita contra os desafiuzamentos. Despois de que o analicen, o texto será levado a un plenario da Mancomunidade.

Compartir: