ESPAZOS CIDADÁNS

Amplíase o prazo de presentación de proxectos para o Matadoiro de Compostela

14/07/2016 O Matadoiro de Compostela vén de ampliar o prazo para a presentación de proxectos que opten a seren "residentes" na antiga Casa da Xuventude. As candidaturas poderanse enviar ata o próximo día 20, e o obxectivo é que o día 23 de xullo se dean a coñecer os cinco proxectos elixidos.

O Matadoiro de Compostela reabriu as súas portas a finais de xuño, converténdose nun espazo autoxestionado e utilizado por asociacións de todo tipo. Ademais das actividades puntuais que se leven a cabo no inmoble, abriuse un proceso para elixir cinco proxectos "residentes", que teñan que ver co desenvolvemento local, a innovación social, as artes e a cultura. As propostas elixidas deberán manter diálogo coa veciñanza e coas asociacións de barrio.

Toda a información sobre o procedemento, así como o formulario de presentación está dispoñible na web www.matadoirocompostela.com.

Melloras do edificio
Este período no Matadoiro de Compostela estenderase ata mediados de outubro. A partir de aí, convocarase un concurso arquitectónico para mellorar a imaxe do inmoble e solucionar a conexión da praza do Matadoiro con Belvís, sempre tendo en conta as propostas das asociacións que utilicen o inmoble nestes primeiros meses de reapertura. Será entón cando se defina o uso definitivo da antiga Casa da Xuventude. A intención do Goberno é que as obras comecen en 2017.

Compartir: