FESTAS

Comeza o Apóstolo 2016 co pregón de Anxo Carracedo e a música de Deolinda

14/07/2016 Na noite de mañá venres comezan as festas do Apóstolo, co tradicional pregón desde os balcóns do Pazo de Raxoi. Desta vez, o elixido para abrir os festexos foi Anxo Carracedo, en recoñecemento á súa traxectoria profesional e á súa valía persoal. O concerto de Deolinda e a xornada de xogos populares na Alameda completarán a primeira xornada festiva.

Nacido en Santa Comba, Carracedo é doutor en Medicina pola Universidade de Santiago e catedrático de Medicina Legal. Dirixiu o Instituto de Medicina Legal da USC desde 1994 a 2012, e dende 1999 é o máximo responsable da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, dependente do Sergas. Tamén dirixe o Centro Nacional de Xenotipado, é xefe de grupo do CIBER de enfermidades raras, e do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS). E todo iso combínao coa labor docente, como profesor de Medicina Legal, Ética Médica e Bioloxía Molecular la Facultade de Medicina de Santiago. Esta traxectoria de Anxo Carracedo foi recoñecida con múltiples distincións, como a Medalla Castelao, a Medalla de Ouro de Galicia ou o Premio Nacional de Xenética.

Deolinda na praza do Obradoiro
Despois do pregón de Anxo Carracedo, a praza do Obradoiro encherase coa música de Deolinda, que presentará nas festas do Apóstolo o seu cuarto disco, Outras Historias. Cos seus traballos anteriores, a formación portuguesa ven recollendo un gran éxito, non só entre o público senón tamén entre a crítica. De feito, acumula diferentes distincións como tres Globos de Ouro, un premio Amália Rodrigues, un premio José Afonso e un Songlines Music Award. O seu terceiro disco, Mundo Pequenino, converteuse en disco de ouro na primeira semana de vendas.

Xogos populares na Alameda
A primeira xornada das festas está pensada para o público familiar, cunha xornada de xogos populares que se desenvolverá na Alameda desde as cinco da tarde ás nove da noite. Haberá máis de trinta xogos de habilidade, lanzamento ou taboleiro, aptos para persoas de todas as idades. Ao carón de cada un deles haberá un cartaz explicativo coas regras e o funcionamento dos xogos, e dous monitores atenderán en todo momento as dúbidas dos asistentes. A actividade é de balde.

Direccións relacionadas



Compartir: