ACCIÓN CULTURAL

Numax e Curtocircuíto amplían a súa colaboración coa proxección de curtametraxes

13/07/2016 Un ano máis, o Cinema Numax e Curtocircuíto. Festival Internacional de Cine de Santiago de Compostela xuntan forzas para organizar actividades en común. A colaboración neste 2016 iníciase coa inclusión periódica na carteleira de Numax de distintas curtametraxes seleccionadas nas últimas edicións do festival.

O acordo de colaboración entre Numax e Curtocircuíto propiciará o diálogo de curtas e longametraxes que estarán presentes, en pé de igualdade, na carteleira do cine. A primeira proposta chegará o 15 de xullo coa proxección de Sangre de unicornio, de Alberto Vázquez, antes de cada pase de Bruja, más que bruja, de Fernando Fernán Gómez: dúas pezas arriscadas, irreverentes e dotadas dun subversivo sentido do humor, cuxos camiños se encontrarán na pantalla de Numax.

A curtametraxe Sangre de unicornio ten como protagonistas a dous osiños que saen cazar unicornios, unhas criaturas que teñen unha carne suave e un sangue delicioso con sabor a arandos que os osiños precisan para manterse fermosos. Dotada dunha notábel calidade visual, Sangre de unicornio sitúase como a segunda curtametraxe do ilustrador, historietista e cineasta coruñés Alberto Vázquez, quen xa abraiara a público e crítica coa súa primeira curta, Birdboy, coa que obtivo en 2012 o Goya á mellor curtametraxe de animación. En 2015, Vázquez rematou Psiconautas, a súa primeira longametraxe, a partir da novela gráfica do mesmo nome escrita e debuxada por el mesmo. Ademais, Vázquez vén de estrear en Cannes a súa última curta, Decorado, que terá a súa estrea galega precisamente na vindeira edición de Curtocircuíto.

Nas vindeiras datas serán incluídas na programación semanal da sala novas curtametraxes seleccionadas conxuntamente por Curtocircuíto e Numax.

Compartir: