DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO

Últimos días para solicitar as axudas a novas empresas de Compostela Móvese

13/07/2016 Este venres 15 remata o prazo para que as novas empresas presenten as súas solicitudes á liña de axudas de Compostela Móvese, cun orzamento de 100.000 euros, que busca apoiar o desenvolvemento empresarial mediante axudas a fondo perdido sobre o gasto corrente da empresa. Con esta liña de axudas apóstase por modelos empresariais cooperativos e integradores, apoiando os sectores económicos definidos como claves para o desenvolvemento económico sostible do Concello.

Poden solicitar as axudas do programa Compostela Móvese 2016 as empresas creadas entre o 1 de xaneiro de 2015 e o 15 de xullo de 2016 e que cumpran os requisitos establecidos nas bases. Estas axudas financian gastos correntes realizados e pagados entre o 1 de xaneiro de 2016 e o 15 de xullo de 2016. As bases completas da convocatoria, así como a instancia e anexos a cumplimentar para solicitar as axudas, poden descargarse na web da Oficina de Promoción Económica do Concello, www.cersiaempresa.org.

A segunda edición de Compostela Móvese, programa que recolle as múltiples actividades que desenvolve a Oficina de Promoción Económica municipal para impulsar un novo modelo económico para Santiago apoiándose nas principais fortalezas da cidade, conta cun orzamento total de 253.000 euros, o que significa aumentar o orzamento respecto aos 240.000 euros do ano pasado.

O programa ten dúas grandes liñas de actuación diferenciadas. Ademais da liña de axudas á creación de empresas que busca apoiar o crecemento apostando polos sectores económicos definidos como claves para o desenvolvemento sostible do Concello, deseñouse unha liña de actividades de dinamización económica que parte da base da riqueza en coñecemento, profesionais e ideas de Santiago e busca artellar espazos de intercambio, formación e crecemento. Esta liña de actividade conta cun orzamento de 153.000 euros e dispón dun ambicioso programa de actividades que se desenvolverán ao longo do 2016.

Direccións relacionadas



Compartir: