CONVIVENCIA

O Proxecto Rúas consolídase e súmase á programación das festas do Apóstolo

12/07/2016 O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia deu conta hoxe das novas actividades que se van celebrar ao abeiro do proxecto Rúas, Rexeneración Urbana Arte Santiago. Xan Duro estivo acompañado de Pablo Castiñeira, responsable da Asociación Vella Escola.

Enmarcada na programación das festas do Apóstolo, está prevista unha exhibición no paseo de Xoán XXIII o martes 26 de xullo. Será unha mostra de CelloGraffiti, con seis grandes murais de sete metros de lonxitude, e nela participarán artistas chegados de toda Galicia. Á actividade prolongarase de doce do mediodía a oito da tarde.

Antes desa cita, o mércores 20 de xullo celebrarase un Obradoiro de Graffiti dirixido á mocidade, na Alameda. Será ao carón da estatua das Dúas Marías, e en horario de doce do mediodía a dúas da tarde.

Éxito do programa
O responsable da Asociación Vella Escola amosou a súa satisfacción pola marcha do programa, que botou a andar en abril. Despois dunha primeira fase de difusión, Pablo Castiñeira explicou que xa se organizaron varios obradoiros de graffiti nos que participaron máis dun cento de rapaces e rapazas. As actividades tiveron moi boa acollida, e serviron "para amosar as diferenzas entre os graffitis artísticos ou reivindicativos e as pintadas que son só un acto vandálico".

Ademais, xa se avanzou na localización de muros susceptibles de seren sometidos a intervencións artísticas. Esas paredes están en distintos puntos da cidade, pero non se adiantará de cales se tratan ata que sexa posto en coñecemento da veciñanza afectada.

Nos próximos días vanse repartir por toda a cidade máis de 10.000 trípticos con toda a información do Plan Rúas. Este programa ten como obxectivo acabar coas pintadas nas rúas de Compostela a través de actividades educativas e preventivas, e poñendo en valor os auténticos graffitis fronte ás agresións ao patrimonio. Xan Duro lembrou que "as medidas sancionadoras non resultan demasiado eficaces para loitar contra as pintadas, que non deixan de aparecer en toda a cidade e en particular na zona histórica".

O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia sinalou que "é moi difícil sorprender in fraganti aos autores deses actos vandálicos, e polo tanto resulta complicado impoñerlles as multas previstas na lexislación". Por iso, o Concello pon en marcha o programa Rúas, con accións concretas que se van desenvolver ao longo dun ano e medio, e que van desde charlas sobre graffiti e patrimonio a obradoiros de muralismo, pasando por mostras de arte urbano ou recuperación de espazos.

Compartir: