FACENDA

Apróbanse as liñas básicas que articulan a acción cidadá nos Orzamentos Participativos

12/07/2016 A concelleira de Economía e Facenda, María Rozas, deu conta da terceira reunión do grupo motor que debate e articula as bases que rexerán os Orzamentos Participativos do ano que vén. Este regulamento incorpora diversas achegas e cambios formulados pola cidadanía a partir do documento previo presentado polo Goberno municipal.

O Centro Sociocultural das Fontiñas acolleu este encontro, onde se aprobaron os puntos básicos do regulamento a partir dos cales a cidadanía compostelá poderá comezar a facer as súas propostas de investimentos e actividades para a mocidade. Nesta terceira xuntanza, á que acudiron arredor de sesenta representantes do tecido asociativo veciñal e sociocultural de Santiago e outras persoas que a título individual queren sumarse ao equipo que co deseña e impulsará o proceso, modificáronse algunhas das cuestións que o Goberno e o equipo técnico propuxeran a priori no regulamento.

Así, incorporáronse demandas como o feito de que unha entidade ou asociación veciñal poida facer propostas a título colectivo, e que este feito teña sido en conta nos criterios de ponderación, se ben aínda faltan por determinar polo miúdo de que xeito se ponderarán os votos ás propostas.

Ademais, para presentar propostas non será preciso estar censada en Santiago, co fin de "non poñer límites a quen estea interesada en propoñer unha iniciativa que sexa beneficiosa para a cidade", puntualizou a concelleira. Porén, á hora de votar só poderán facelo as persoas empadroadas na cidade ou que estuden na Universidade de Santiago. Dezaseis anos é a idade a partir da cal se pode participar, e ata 35 é o límite dos Orzamentos para a mocidade.

Alegacións ata o 11 de agosto
As persoas integrantes do grupo motor teñen ata o 11 de agosto para facer achegas e alegacións ao resto dos puntos do regulamento que quedaron sen debater e que afectan a cuestións relativas aos criterios de ponderación do voto, máis que á presentación de propostas.

"Temos a oportunidade de que a veciñanza propoña, participe e decida sobre un millón de euros", resaltou Rozas, que cualificou o proceso de "ilusionante e moi demandado por moita xente". Manifestou tamén a súa satisfacción porque a afluencia para participar no grupo motor fose "boa e numerosa malia as complicacións que conleva que canta máis xente, máis debate".

En canto aos Orzamentos Participativos das áreas (rural, nordeste e sureste), explicou que os tres propostos para este ano serán rotatorios nos vindeiros e que se trata unha división operativa, como xa dixo noutras ocasións. O regulamento que o grupo motor está a debater e cuxos puntos básicos vén de aprobar "é similar ao doutras cidades onde se fixeron Orzamentos Participativos e non é de índole xurídica ou legal", aclarou.

Por último, a concelleira subliñou que neste proceso as asociacións veciñais teñen "un rol importante", pero que "todas as persoas poden participar a título individual". Trátase dunha canle de participación "decisoria de implante para o Goberno local" que estreará web nos próximos días.

Compartir: