CONSORCIO

O Curso de Especialización Instrumental da EAEM recibe o maior número de candidaturas de toda a súa traxectoria

11/07/2016 A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), con sede en Santiago de Compostela, organiza unha nova edición do Curso de Especialización Instrumental 2016-2017. Ás probas de selección das diferentes especialidades presentouse un bo número de candidatos. Segundo os datos aportados pola Escola, "este foi a convocatoria máis exitosa de todas as realizadas ata o momento".

Esta iniciativa diríxese a estudantes de música de grao medio ou superior que desexan perfeccionarse nalgún destes instrumentos: violín, viola, violoncello, contrabaixo, frauta, óboe, clarinete, fagot, trompa, trompeta, trombón ou percusión. Nesta edición, "acudiron máis músicos que noutras ocasións e, ademais, cunha calidade moito máis elevada para cada unha das especialidades ofertadas", apuntan os responsables de formación do centro. Nesta liña, na Escola destacan o caso das cordas, onde sempre adoita haber un déficit de candidatos. Pero nesta ocasión superáronse todas as expectativas, o que indica, segundo aseguran dende a EAEM, que "a formación musical está a mellorar e o resultado son novos músicos cun nivel excepcional".

Posibilidade de concertos públicos
O curso académico do Curso de Especialización Instrumental comezará no mes de outubro de 2016 e rematará en xuño de 2017. Búscase o perfeccionamento instrumental da especialidade elixida, a través de 15 horas de clase individual repartidas ao longo do curso. Ademais, durante o ano organizaranse diferentes actividades de práctica de conxunto, co que os participantes terán a oportunidade de ofrecer concertos públicos. Os alumnos recibirán un diploma acreditativo dos seus estudos.

Compartir: