XUNTA DE GOBERNO

A praia fluvial de Chaián contará cun socorrista este verán por primeira vez

08/07/2016 A área recreativa de Chaián vai contar este verán, por vez primeira, cun socorrista. O Concello tramitará a súa contratación grazas a unha subvención da Consellería de Economía, Emprego e Industria para a contratación de traballadores desempregados. A achega será de 3.200 euros e o socorrista prestará os seus servizos por un prazo de dous meses.

A Xunta de Goberno deu conta hoxe da concesión desa subvención, e o alcalde explicou que a decisión de dedicala á contratación dun socorrista "enmárcase na vontade do Executivo local de poñer en valor a área recreativa de Chaián". Para iso, explicou, o Goberno tamén ten o compromiso de asumir a limpeza e acondicionamento da zona

Convenios culturais
A Xunta de Goberno de hoxe aprobou os textos dos convenios nominativos con diferentes entidades. Así, déuselle luz ver aos acordos coa Fundación Torrente Ballester, que recibirá do Concello 15.000 euros neste 2016; con Numax Sociedade Cooperativa Galega, por unha achega de 12.000 euros; e coa Asociación Cultural Musical Contoneson, por un importe de 4.000 euros.

Tamén a aprobou a sinatura dun convenio de colaboración entre a Axencia de Turismo de Galicia e o Concello de Santiago, para a realización de actividades de promoción nos xeodestinos Terra de Santiago e Deza-Tabeirós. Neste caso, a achega municipal será de 19.625 euros.

Outros acordos
A proposta da concelleira delegada de Políticas Sociais, a Xunta de Goberno deu conta de que a Deputación da Coruña aprobou o aboamento do anticipo dunha subvención para o programa "Escola de Saúde e Envellecemento Activo". A axuda é de 3.000 euros e a cantidade que se adianta agora é de 1.500 euros.

En materia social, na súa reunión ordinaria de hoxe, o Executivo local iniciou o expediente de contratación do servizo de implementación do programa e apoio para a inclusión social, cun tipo de licitación de 41.992,34 euros. O contrato está exento do IVE.
Por último, a Xunta de Goberno informou favorablemente da ampliación dunha hora no horario de peche dos establecementos de hostalería coincidindo coa festividade do Apóstolo (do 18 ao 31 de xullo) e coa festividade de San Roque (do 11 ao 17 de agosto).

Documentos relacionados



Compartir: