ALCALDÍA

Chegan ao Obradoiro os integrantes da 1ª peregrinación a Santiago dende a Antártida

07/07/2016 O alcalde recibiu esta mañá os integrantes da primeira peregrinación a Santiago dende a Antártida, chegados á praza do Obradoiro máis de catro meses despois de teren comezado a expedición. Foi o 28 de febreiro, coincidindo co peche da Base Antártica Española "Gabriel de Castilla", situada en Illa Decepción.

O alcalde deulles a benvida a estes singulares peregrinos, e agradeceulles o seu esforzo, porque supón "unha gran promoción para o Camiño e para Santiago". Martiño Noriega cualificou os membros da expedición antártica de "embaixadores de excepción", e lembrou que os peregrinos chegados de todo o mundo fixeron de Compostela unha cidade acolledora e aberta.

No proxecto colaboraron a Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño, a Armada, e o Exército de Terra. Ademais, o Instituto Hidrográfico da Mariña e o Instituto Xeográfico Nacional encargáronse de documentar o Camiño, nos seus 14.075 quilómetros de percorrido. A ruta antártica parte de Illa Decepción e chega por mar ata Cartaxena. Dende alí continúa a Santiago usando as rutas habituais.

Na primeira peregrinación antártica participaron 70 persoas, entre membros da dotación do buque de investigación oceanográfica Hespérides e da Base "Gabriel de Castilla", así como científicos e técnicos da campaña Antártica 2015-2016. Durante o Camiño portaron unha bandeira conmemorativa, entregada pola Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, que agora lle será achegada ao Museo Catedralicio. O presidente da Federación, Luis Gutiérrez, tamén participou na peregrinación antártica.

Compartir: