ALCALDÍA

O alcalde reivindica un maior respaldo ás empresas innovadoras no ámbito europeo

07/07/2016 O alcalde compostelán participou esta mañá na inauguración da xornada "Promover as empresas innovadoras e de rápido crecemento", organizada polo Comité Económico e Social Europeo, en colaboración con RedEmprendia. Martiño Noriega aproveitou a súa intervención para reivindicar "maiores facilidades para os emprendedores xurdidos fundamentalmente en torno aos centros de investigación universitarios, porque as súas empresas poden xogar un papel fundamental no crecemento económico do país".

A xornada, que tivo lugar na Casa de Europa, tiña como obxectivo reflexionar sobre os retos e oportunidades da Unión Europea no ámbito da creación de empresas innovadoras e de rápido crecemento, e sobre as claves para crear un entorno propicio para o seu asentamento. Xunto co alcalde, na inauguración participaron o reitor da Universidade de Santiago, Juan Viaño, e o presidente da Sección Especializada de Unión Económica e Monetaria e Cohesión Económica e Social do CESE, Joost van Iersel.

No seu discurso, o alcalde lembrou que Europa "segue sen poñerse á cabeza na carreira internacional da innovación, e sen acadar a posición de países como Estados Unidos ou Xapón, malia a estar na vangarda en coñecemento e en ideas". Martiño Noriega reivindicou que a Unión Europea mellore os seus plans de incentivos para investigadores, e a relación entre Universidades e empresas. Nese sentido, recordou o traballo que se ven facendo desde a USC, con iniciativas como o Concurso de Ideas Empresariais Innovadoras ou o Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores.

Tamén apostou por mellorar a cooperación entre as administracións públicas e as universidades, e citou como exemplo exitoso desta colaboración Uninova, que o Concello e a USC puxeron en marcha en 1998 e que permitiu crear unha das primeiras incubadoras de empresas tecnolóxicas do Estado, o edificio Emprendia.

Compartir: