FACENDA

Aprazada ata a semana próxima a aprobación das bases que guiarán o proceso dos Orzamentos Participativos

05/07/2016 O grupo motor dos Orzamentos Participativos, conformado por representantes de colectivos e asociacións veciñais de Compostela e persoas que a título individual queren axudar a establecer as regras de funcionamento do proceso, mantivo onte luns a súa segunda xuntanza na Casa das Asociacións de Cornes.

Na xuntanza, o equipo técnico fixo unha breve exposición sobre a elección dos distritos que o Concello propuxo para esta primeira experiencia de OP na cidade, e que responden a varios criterios: a coincidencia cos distritos urbanísticos sinalados no Plan Xeral de Ordenación Municipal vixente, as necesidades de infraestruturas en zonas carentes de servizos básicos ou derivadas da expansión urbanística e demográfica da cidade, e o reequilibrio territorial. O obxectivo municipal é que os OP cubran o 100% do Concello nun período de tres anos, rotando e ampliando as zonas seleccionadas en cada exercicio orzamentario.

Cuestión diferente é a división en distritos de toda a cidade, un proceso complexo que excede os obxectivos dos OP baseado na desconcentración administrativa, que require da participación de responsables técnicos, políticos e cidadáns e precisa de acordos múltiplos e prazos demorados.

Os Orzamentos Participativos propoñen unha delimitación provisional e limitada de distritos baseada nos resultados dunha enquisa web feita a comezos de ano. A partir dos barrios, parroquias e entidades identificadas polas persoas participantes na enquisa, e coa limitación técnica que o seccionado electoral en vigor supón para o control das votacións, definíronse os tres distritos que agora se someten ao visto bo do grupo motor: Suroeste (Castiñeiriño-Pontepedriña-Sar), Nordeste (Fontiñas-San Lázaro-As Cancelas) e Rural.

A aprobación das bases que guiarán o proceso quedou aprazada ata o próximo luns 11, onde se debatirán as achegas e as propostas de cada subgrupo de traballo para que a fase propositiva e a web dos OP poidan poñerse en marcha de forma inmediata.

Compartir: