DEPORTE

Aberto dende este martes o prazo de solicitude de uso das instalacións deportivas municipais para a tempada 2016-2017

05/07/2016 Co fin de poñer en funcionamento as instalacións deportivas municipais para a vindeira tempada 2016-2017, a Concellaría de Deporte abriu este martes o prazo de solicitude das mesmas, que estará aberto ata o venres 22 de xullo.

Esta convocatoria está destinada a todas as entidades que teñan previsto participar en actividades de carácter periódico (principalmente as de competición e as vinculadas aos centros de ensino) e que estean interesadas no uso das devanditas instalacións. Nestas inclúense os campos de fútbol, os pavillóns, a sala de musculación de Santa Isabel e o ximnasio e as pistas de atletismo do Estadio de San Lázaro.

Terán prioridade nas solicitudes, por esta orde: centro escolares que non posúan ningún tipo de instalación deportiva para o desenvolvemento da materia de educación física; clubs federados ou que participen en competición federada oficial e entidades deportivas en xeral. No caso dos clubs e entidades deportivas, serán requisitos obrigatorios estar inscrito no Rexistro Municipal de Asociacións dentro do prazo de solicitude, e dispoñer dun Seguro de Responsabilidade Civil que cubra a actividade para a que solicita a instalación ou compromiso de contratalo no caso de que se lle ceda o uso dunha instalación.

Solicitudes e lugar de presentación
Os formularios de solicitude están dispoñibles nas oficinas do Departamento de Deportes, no apartado de Anuncios desta web e na do Departamento de Deportes.

As solicitudes presentaranse no Rexistro Xeral, situado na rúa do Presidente Salvador Allende, 4-Baixo (Galeras) ou no Rexistro Auxiliar do Ensanche, situado na rúa Frei Rosendo Salvado, 14-16 (Centro Sociocultural).

As solicitudes con documentación pendente, atenderanse unha vez completada toda a documentación. As solicitudes presentadas fóra de prazo atenderanse unha vez se realice o reparto xeral, e dentro das dispoñibilidades existentes.

Máis información no Departamento de Deportes, a través do teléfono 981 528 730, en horario de 9:00 a 14:00 horas.

Direccións relacionadas



Compartir: