EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Nova reunión do Proxecto Oneiros, de mediación para a convivencia nos centros de ensino público de Santiago

04/07/2016 Este luns celebrouse unha nova reunión de seguimento do Proxecto Oneiros, unha iniciativa de mediación para a paz e a boa convivencia nos centros de ensino público de Santiago, resultado da colaboración entre o Departamento de Educación e Cidadanía e o Instituto Galego de Xestión para o Terceiro Sector (Igaxes3), unha organización non lucrativa que traballa para a incorporación social plena das persoas, especialistas na atención e apoio á independencia da mocidade.

Entre as preocupacións fundamentais dos equipos directivos dos centros de ensino da cidade e do profesorado que traballa nos temas de orientación e en actividades de intervención socioeducativa -expresadas nos diferentes encontros mantidos ao longo do curso escolar e nas visitas aos centros-, os problemas de convivencia estanse a converter nunha cuestión clave. Concrétanse na necesidade de desenvolver un clima dentro dos recintos escolares de crecemento e convivencia, lonxe do conflito e da violencia.

Para dar resposta a estas inquedanzas trabállase no Proxecto Oneiros, que comprende un conxunto de centros de interese sobre os que incidir no desenvolvemento do programa cos destinatarios: percepción do conflito, valoración da estima propia, xestión emocional, mellora das canles de comunicación, toma de conciencia, indefensión aprendida e xestión do cambio.

Esta iniciativa diríxese á comunidade educativa, ANPAS, mozos e mozas (de 11 a 13 anos) e persoal docente. Para alcanzar os obxectivos que se pretenden , estase a deseñar unha metodoloxía de intervención que combina estratexias complementarias. Por unha banda, co alumnado en forma de actividades de grupo, tanto na aula como nos demais espazos do centro; e tamén co profesorado e coas familias a través duns encontros de aprendizaxe que favorezan o apoio aos nenos e nenas no seu proceso de desenvolvemento. Neste sentido, as dinámicas de grupo permitirán identificar situacións concretas que necesiten dunha abordaxe máis intensa.

Este programa atópase no momento de incorporar diferentes sinerxias que poidan dar resposta ao obxectivo apuntado. Así, o concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, segue a falar con diferentes administracións á hora de sumar recursos humanos e o orzamento necesario para poñelo en marcha na perspectiva do vindeiro curso escolar 2016/2017.

Compartir: