ALCALDÍA

Entregados os premios da sexta edición do concurso escolar "Coñece o teu concello. Compostela con outra mirada"

04/07/2016 O Salón Vermello do Pazo de Raxoi acolleu a entrega de premios da sexta edición do concurso escolar Coñece o teu concello. Compostela con outra mirada, que organiza La Voz de Galicia e que conta co patrocinio do Concello de Santiago e da Deputación da Coruña.

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega presidiu o acto de entrega de premios e parabenizou, non só aos e ás premiadas, senón aos 1.300 participantes desta edición. O concurso ten como obxectivo que os e as escolares coñezan máis o seu concello mediante debuxos e historias. Este ano participaron rapaces e rapazas dos 25 concellos do ámbito territorial da Delegación de Santiago de La Voz de Galicia, aínda que a maior parte dos traballos corresponden á nosa cidade.

O concurso ten dúas modalidades: debuxo, para rapaces de ata 8 anos de idade o de redacción de 9 a 12 anos. Os temas dos debuxos e das redaccións debían referirse á visión que os nenos e nenas teñen do seu concello, aínda que a temática era completamente libre. Uxía Iglesias Saco, de 3º de primaria do Colexio La Salle levou o primeiro premio da categoría de debuxo. Sheila Santiago Santos, de 1º do CEIP de Ventín (Ames), e Carlos Duarte Álvarez Vázquez, de 1º do CEIP Raíña Fabiola, conseguiron dous accésit.

Na categoría de redacción o primeiro premio foi para Ana Santos Millán, de 6º de primaria do CPI Antonio Orza Couto (Boqueixón). Tamén houbo dous accésit, para Martina Flores Álvarez, de 6º do Colexio Manuel Peleteiro, e Miriam Cabanas Gesto, do CEIP Pedro Barrié de la Maza (Santa Comba)

Compartir: