ALCALDÍA E EMPREGO

O Goberno municipal reafirma a súa vontade de colaboración co Viveiro de Empresas da Cámara de Comercio de Santiago

04/07/2016 O alcalde e a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo visitaron hoxe o Viveiro de Empresas da Cámara de Comercio. Martiño Noriega e Marta Lois estiveron acompañados no seu percorrido polo presidente da entidade cameral, Jesús Asorey, e polo seu secretario, Fernando Barros.

O Viveiro de Empresas da Cámara de Comercio foi creado en 2006, nuns terreos de titularidade municipal no Polígono de Costa Vella. Dende entón, polas instalacións pasaron máis de 9.000 empresas, preto de mil cada ano. A día de hoxe, no Viveiro están traballando 21 proxectos empresariais. Outras 25 empresas seguen vinculadas ao centro a través do chamado "Viveiro Virtual", que a Cámara de Comercio puxo en marcha cando detectou que eran moitas as firmas que querían seguir vinculadas ao proxecto, malia a abandonar o seu espazo físico. O último informe de FUNCAS, a Fundación de Caixas de Aforro, sitúa ao da Cámara de Comercio de Santiago coma o mellor viveiro de empresas do Estado.

Durante a visita, o alcalde felicitou á Cámara de Comercio polo éxito deste proxecto, e ratificou a vontade do Concello de seguir colaborando co Viveiro de Empresas. Martiño Noriega lembrou que xa existe unha cooperación constante, a través dos traballadores municipais que colaboran na realización dos estudos económicos dos proxectos empresariais.

Compartir: