TURISMO

Os Chaquetas Vermellas volven ás rúas para informar ás persoas que visitan a cidade

01/07/2016 O programa de voluntariado dos Chaquetas Vermellas, logo de cancelarse nos últimos anos, volve hoxe ás rúas e prazas de Santiago para informar directamente ás persoas que visitan a cidade. Este ano o grupo de Chaquetas Vermellas está composto por 16 persoas voluntarias, que se distribuirán en oito parellas, e que terán así un primeiro achegamento á atención turística, de interese para o seu currículo no futuro.

O obxectivo dos Chaquetas Vermellas é a mellora da calidade da información e da atención a turistas, visitantes e persoas que fan o Camiño de Santiago, especialmente durante o mes das festas do Apóstolo, no que se produce unha grande afluencia turística a Santiago. Este ano, ademais, é previsible que aumente esta afluencia pola Ano Santo da Misericordia, que favorecerá un maior número de visitas á Catedral de Santiago e a súa contorna. Así, o programa de voluntariado de Chaquetas Vermellas funcionará durante o mes de xullo.

As persoas voluntarias prestarán información turística básica nos principais puntos turísticos da cidade, como as prazas do Obradoiro, Praterías e Quintana, e principais rúas da cidade histórica: Carretas, rúa Nova, rúa do Vilar...; e tamén informarán sobre o programa de festas do Apóstolo 2016.

O grupo de Chaquetas Vermellas tamén colaborará na xestión de fluxos nas rúas, para evitar a masificación e colapso do contorno da Catedral, suxerindo outros lugares a visitar, indicando onde se atopan os recursos turísticos, establecementos de hostalería, medios de transporte...

Turismo de Santiago dotará ás persoas voluntarias cunha cantidade en concepto de dietas destinadas aos gastos de manutención por un valor de 23 euros diarios. Esta dieta outórgase ao abeiro do previsto na Lei de acción voluntaria de Galicia, como unha compensación dos gastos nos que incorran as persoas voluntarias no desenvolvemento do seu voluntariado. Cada persoa recibirá a cantidade de 23 euros multiplicada polo número exacto de días de colaboración.

Todas as persoas voluntarias obterán un certificado ao remate da súa colaboración. Nel constarán as tarefas realizadas así como o número de horas de colaboración, o que pode ser interesante de cara ó seu CV, segundo se recolle na Lei de acción voluntaria de Galicia. Os certificados de colaboración serán expedidos pola Universidade de Santiago de Compostela, a través do Servizo de Participación e Integración Universitaria, previo informe favorable de Turismo de Santiago.

Esta acción, promovida por Turismo de Santiago, é posible grazas á colaboración da Axencia de Turismo de Galicia, dentro da liña de subvencións para as Festas de Interese Turístico Internacional de Galicia, que conta ademais co apoio de Abanca.

Compartir: