XUNTA DE GOBERNO

Aberto o trámite de adxudicación do servizo de mantemento e reparación de pavimentos

01/07/2016 A Xunta de Goberno aprobou hoxe o expediente e apertura do procedemento de adxudicación do servizo de conservación, mantemento e reparación de pavimentos nos viarios do termo municipal, cun orzamento que triplica ao destinado en exercicios anteriores.

O servizo vaise adxudicar en tres lotes. O primeiro aféctalle ao ámbito do Plan Especial da Cidade Histórica, excluído o recinto intramuros, e conta cun orzamento de 185.950,41 euros máis IVE. O segundo lote é o de maior contía, 578.512,40 euros máis IVE. Dentro del enmarcaranse as actuacións de mantemento e conservación de viarios no ámbito urbano e periurbano que non forman parte do Plan Especial. Por último, o terceiro lote do servizo céntrase no medio rural, e ten unha dotación económica de 227.272,73 euros, IVE aparte. En total, o servizo suporá un investimento de 991.735,54 euros máis IVE.

O alcalde amosouse convencido de que "este procedemento permitiranos avanzar moito na posta a punto da cidade, despois dos déficits de investimento dos últimos anos". Neste sentido, Martiño Noriega lembrou que este contrato suporá "un investimento de 1,2 millóns de euros, fronte aos 400.000 euros presupostados en 2015, dos que 100.000 eran para o ámbito do Plan Especial". Ademais, no que levamos de ano, o Concello destinou ao mantemento do viario municipal case 700.000 euros. O rexedor tamén adiantou que, mentres non se peche o proceso de licitación, o Goberno local está buscando fórmulas que permitan seguir actuando nos puntos máis urxentes, tanto no que ten que ver con viarios como con beirarrúas.

Fase III das obras de Vista Alegre
O alcalde tamén deu conta da adxudicación, na Xunta de Goberno desta mañá, do contrato para a execución da Fase III das obras de Vista Alegre. Da actuación encargarase a UTE Construcción Iglesias Mera-Eulogio Viñal. A Fase III de Vista Alegre conta cun orzamento de 518.355,63 euros (IVE aparte de 21%: 108.854,68 euros), e prevé un rebaixe de cotas de calzada nas rúas Santa Comba, Noia e Bispo Diego Peláez. Deste xeito mellorarase a accesibilidade e a visibilidade dos baixos.

Unha vez asinado o contrato, previsiblemente a próxima semana, poderán continuar as obras en Vista Alegre, ao tempo que se tramitan os proxectos modificados das fases I e II. Martiño Noriega volveu amosar a súa comprensión co malestar dos veciños ante tantos meses de obras, pero reiterou o seu convencemento de que "unha vez que rematen os traballos, Vista Alegre será outro barrio".

Outros acordos
A Xunta de Goberno de hoxe acordou estimar a solicitude do titular da discoteca Apolo para levantar o peche cautelar que lle foi imposto por incumprir a normativa de seguridade. O alcalde explicou que a decisión responde a que o establecemento adoptou as medidas necesarias para suplir as deficiencias detectadas no seu día, e asumiu o compromiso de respectar o aforo de 300 persoas. En todo caso, Martiño Noriega aclarou que o expediente que lle foi aberto á discoteca segue a súa tramitación, e podería derivar no peche definitivo do establecemento ou nunha sanción económica.

Noutra orde de cousas, o Executivo local aprobou a programación de actividades resultante do proxecto piloto de orzamentos participativos, desenvolvido o ano pasado no Departamento de Mocidade. Executaranse 11 das propostas recibidas, cun orzamento total de 100.000 euros. Entre elas figuran programas de cine ao aire libre, campañas de concienciación contara a violencia de xénero, encontros musicais ou campamentos urbanos Na reunión desta mañá tamén se aprobaron as bases da convocatoria de subvencións ao deporte federado, por un importe total de 230.000 euros.

Por último, a Xunta de Goberno aprobou o expediente para a contratación dunha operación de crédito a curto prazo, por importe de oito millóns de euros, para facer fronte a necesidades transitorias de tesourería. O custo da operación, cun tipo de xuro do 0,39%, sería de 4.767 euros. O alcalde explicou que esta operación é habitual cada ano, para que o Concello teña liquidez á espera do cobro de impostos como o IBI.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: