CONSORCIO

A Escola de Altos Estudos Musicais realizará novas probas en setembro para cubrir catro prazas do curso de especialización orquestral

28/06/2016 Un total de 155 rapaces e rapazas presentáronse ás probas de selección para acceder a algunha das 18 prazas ofertadas para o novo curso 2016-2017 dentro do Curso Avanzado de Especialización Orquestral impartido pola Escola de Altos Estudos Musicais: 6 prazas para violín, 2 para viola, 2 para violoncello e 1 praza para as especialidades de contrabaixo, óboe, frauta, clarinete, fagot, trompa, trompeta e percusión.

Foi a participación máis elevada de todas as convocatorias, o que constata o grande interese que este curso, recoñecido como título propio de posgrao pola Universidade de Santiago, suscita entre os intérpretes novos.

As probas, realizadas ao longo deste mes, consistiron nunha audición na que os candidatos tiveron que amosar as súas habilidades técnico-interpretativas diante dun xurado. De todas as prazas ofertadas, quedaron vacantes dúas de violín e as dúas de viola. "O nivel esixido levou ao tribunal a deixar desertas estas prazas", indican dende a Escola. Así, no mes de setembro realizaranse unhas probas extraordinarias co propósito de cubrir estas vacantes, que se convocarán no mes de xullo.

Este curso de posgrao ofrece aos futuros músicos a oportunidade de formarse coa Real Filharmonía de Galicia, xa que os mestres da Escola son músicos da RFG. Cada alumno/a participa nun mínimo de sete concertos coa orquestra. Ademais, tocan en concertos públicos dentro da programación A Escola na cidade.

Tal como salientan dende a Escola, o éxito de curso reflíctese no feito de que boa parte dos alumnos de anteriores edicións xa lograron o seu obxectivo de integrase nunha orquestra profesional, tanto en agrupacións nacionais como doutros países.

Compartir: