ALCALDÍA

O Concello de Santiago súmase á celebración do Día do Orgullo LGTBI

28/06/2016 O Concello de Santiago quixo sumarse ao Día do Orgullo LGTBI coa celebración de diferentes actos no que estiveron presentes varios membros da Corporación e da sociedade civil.

Os actos comezaron coa lectura dun manifesto a cargo da asociación Ultreia LGTBI, no que lembraron "o camiño percorrido para a consecución da igualdade, que se manifesta en varios textos lexislativos", e reivindicaron unha maior implicación de todos e de todas para seguir avanzando, sobre todo debido ao repunte das agresións sufridas por persoas homosexuais en diversos puntos do estado.

O alcalde de Santiago, acompañado por varios membros da Corporación e por integrantes de Ultreia LGTBI, deu lectura a unha declaración institucional asinada por todos os partidos políticos na que destacou que "nos últimos anos e grazas á mobilización e a loita impulsada polo colectivo LGTBI tense avanzado mito no ámbito lexislativo, pero pese aos avances persisten arraigadas formas de violencia por causa da orientación sexual e a identidade de xénero".

Martiño Noriega quixo amosar o seu apoio e o de toda a Corporación para "condenar e denunciar publicamente a discriminación, violencia, persecución e criminalización das persoas lesbianas, gais, transexuais, bisexuais, intersexuais e as leis contrarias aos dereitos do colectivo LGTBI, que ocorran en calquera lugar do mundo". Así mesmo, o alcalde manifestou o seu compromiso en "colaborar coas asociacións e colectivos e tamén con todas as administracións públicas para impulsar o desenvolvemento de marcos normativos e accións planificadas e coordinadas para garantir que todas as persoas, independentemente da súa forma de vivir o amor e a propia sexualidade, reciban igualdade de trato e nunca máis sufran ningún tipo de discriminación e violencia pola súa condición, orientación sexual ou identidade de xénero.

Homenaxe na Moeda Vella
Despois de darse lectura ao manifesto por parte de Ultreia LGTBI e da declaración institucional por parte do alcalde de Santiago, varios membros da Corporación trasladáronse á rúa Moeda Vella, onde Martiño Noriega descubriu unha placa en lembranza de Sancha Pérez e María Leve, que conviviron nesa zona como parella no século XIII.

Ademais dos actos anteriores, a bandeira LGTBI ondea no Pazo de Raxoi e as cores do arco da vella proxectáronse na fachada do consistorio durante a noite do 27 ao 28 de xuño.

Compartir: