CONSORCIO

O Consorcio presenta os resultados da investigación sobre as humidades que afectan ao lousado da Capela do Cristo de Conxo

27/06/2016 A elevada humidade no interior da Capela do Cristo da Igrexa de Santa María de Conxo, e en particular o escurecemento húmido que afecta á totalidade do lousado do chan, levou ao Consorcio de Santiago a encargar un estudo a un arquitecto experto neste eido. A finalidade é obter un diagnóstico e avaliación das lesións existentes, xunto cunha proposta de actuación para solucionar este problema.

A investigación dirixiuna a arquitecta Soledad García Morales, profesora titular do Departamento de Construción e Tecnoloxía Arquitectónica da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade Politécnica de Madrid e pertencente ao Grupo de Análise e Intervención no Patrimonio Arquitectónico. Un equipo de arquitectos, integrado ademais polos galegos Raquel Otero e Hugo Allegue, do seu mesmo grupo de investigación, traballou durante todo 2015 facendo un seguimento do comportamento do edificio mediante técnicas de monitorización higrotérmica, inspeccións periódicas, ensaios in situ e no laboratorio.

O vindeiro venres 1 de xullo, ás 20:00 horas, os arquitectos responsables deste estudo darán a coñecer o resultado das súas investigacións aos veciños do barrio e ao párroco, na propia capela.

Publicación das conclusións do estudo
Ademais, a Oficina Técnica do Consorcio de Santiago publica o resultado desta investigación na colección on line Cadernos Técnicos. Esta publicación pretende dar a coñecer as conclusións destes traballos para que sirvan como referente a outros casos de estudo similares da cidade, posto que, tal como salientan dende o Consorcio, "a patoloxía de humidade é habitual en edificacións históricas con esta tipoloxía construtiva e nesta localización xeográfica".

Humidades a raíz de obras anteriores
A Capela do Cristo da Igrexa de Santa María de Conxo, en Santiago de Compostela, é unha capela anexa á igrexa que, a diferenza desta, ten un gran contido de humidade no ambiente e o lousado granítico do seu chan presenta un escurecemento húmido. En 2013, o Consorcio de Santiago promoveu unha obra na capela co obxecto de erradicar a humidade dos muros e do chan. Colocáronse canlóns e baixantes para evitar a caída libre da auga da choiva sobre os muros, mellorouse o rexuntado exterior dos paramentos do inmoble, eliminando os ocos polos que entraba a auga, ao tempo que se executou unha drenaxe perimetral.

Con esta obra conseguiuse atallar a entrada de auga ao interior da capela, pero a persistencia das manchas húmidas no seu lousado levou aos arquitectos da Oficina Técnica do Consorcio a indagar na orixe do alto contido de humidade no interior do inmoble, así como do escurecemento húmido que afecta ás lousas do chan.

Compartir: