EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Máis de 180 nenos e nenas participan no Programa de Conciliación de Verán

27/06/2016 O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, visitou esta mañá o CEIP das Fontiñas, un dos centros educativos onde comezou hoxe o Programa de Conciliación de Verán organizado polo Concello de Santiago.

Desenvolverase os días 27, 28, 29 e 30 de xuño, todo o mes de xullo e do 1 ao 9 de setembro en horario de 7:45 a 16:00 horas no caso do CEIP das Fontiñas e de 9:00 a 16:00 horas no CEIP Raíña Fabiola. En total participan 184 nenos e nenas que cursan estudos en centros de educación infantil e primaria de Santiago de Compostela, con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos.

Este programa de actividades crea un espazo educativo, de promoción do ocio e o tempo de lecer, ademais dun recurso para a conciliación familiar e laboral no tempo de vacacións. As actividades xirarán arredor dunha viaxe no tempo que permitirá aos nenos e nenas coñecer e recrear diferentes épocas históricas. Comezando estas coa construción da máquina do tempo seguindo as instrucións que H. G. Wells nos dá na súa novela, e que nos levará ao pasado, presente e futuro.

Ademais do programa de actividades previsto, quen o solicitou previamente ten a posibilidade de contar cun servizo de madrugadores con almorzo no CEIP As Fontiñas (de 7:45 a 9:00 horas) e un servizo de comedor en ambos os dous centros (de 14:00 a 16:00 horas).

Compartir: