POLÍTICAS SOCIAIS E DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO

O 15 de xullo remata o prazo de presentación de solicitudes para as axudas a novas empresas de Compostela Móvese

23/06/2016 A concelleira de Desenvolvemento Económico, Marta Lois, e a concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, presentaron a segunda edición de Compostela Móvese, programa que recolle as múltiples actividades que desenvolve a Oficina de Promoción Económica municipal para impulsar un novo modelo económico para Santiago apoiándose nas principais fortalezas da cidade.

A segunda edición de Compostela Móvese conta cun orzamento total de 253.000 euros, o que supón aumentar o orzamento respecto aos 240.000 euros do ano pasado. O programa ten dúas grandes liñas de actuación diferenciadas. Por unha banda, hai unha liña de axudas á creación de empresas que busca apoiar o crecemento apostando polos sectores económicos definidos como claves para o desenvolvemento sostible do Concello. O prazo para presentar as solicitudes para recibir estas axudas remata o 15 de xullo.

A liña de axudas á creación de empresas, cun orzamento de 100.000 euros, busca apoiar o desenvolvemento empresarial mediante axudas a fondo perdido sobre o gasto corrente da empresa. Con esta liña de axudas búscase apostar por modelos empresariais cooperativos e integradores apostando polos sectores económicos definidos como claves para o desenvolvemento económico sostible do Concello.

Ademais, deseñouse unha liña de actividades de dinamización económica que parte da base da riqueza en coñecemento, profesionais e ideas de Santiago e busca artellar espazos de intercambio, formación e crecemento. Esta liña de actividade conta cun orzamento de 153.000 euros e conta cun ambicioso programa de actividades que se desenvoleverán ao longo do 2016:

"Aposta por ti, polo teu barrio e polo rural": con esta actividade búscase traballar as competencias emprendedoras nos ámbitos que se identifican como prioritarios para o desenvolvemento económico do Concello de Santiago, mellorando a identificación e lanzamento de novos proxectos empresariais e achegando a cultura empresarial e as competencias claves para o emprendemento a aqueles colectivos que máis dificultades teñen na posta en marcha e consolidación das súas iniciativas empresariais, isto é, mulleres, persoas en risco de exclusión social, mocidade e cidadanía dos barrios e entorno rural do Concello.

Accións de fomento do emprendemento en clave de innovación aberta en colaboración coa USC: programa de creación de empresas a desenvolver en colaboración coa USC no que equipos de carácter interdisciplinar traballan para por en valor os resultados de investigación da USC a través de proxectos de creación empresarial. No marco destas accións desenvolveranse as seguintes actividades: Xornada de Fomento da Innovación Aberta: Spin&Up; Seminario de Formación en Innovación Aberta; Titorización de proxectos empresariais Proxecto ARGOS; e outras accións en formación para o emprendemento innovador a determinar en función dos resultados das tres accións indicadas.

Economía colaborativa: proxecto que dá continuidade ao proxecto piloto de colaboración empresarial baseado na confianza mutua e no que iniciativas empresariais xa establecidas son capaces de vincular a novas persoas en dinámicas de emprendemento cooperativo artellando actividades conxuntas de dinamización económica. Inclúense neste apartado as xornadas de reflexión e coñecemento sobre as posibilidades da economía social e colaborativa. Plantexadas como almorzos de traballo dirixidos a un grupo de 30 persoas nos que se debaterán temas relacionados coa economía social e colaborativa á vez que se fai unha posta en valor das iniciativas que na área de Compostela traballan con esta perspectiva.

Economía social: formación colaborativa e para o emprendemento: fuxindo dos itinerarios formativos clásicos, con esta acción búscase mellorar a formación das persoas para que afronten a súa vida profesional en dinámicas de creación de iniciativas (non necesariamente de empresas) autolideradas e autoxestionadas, seguindo os principios da economía colaborativa e dotándoas das competencias precisas para afrontar con éxito os retos profesionais da nova economía.

Efecto proximidade: plan de dinamización do Mercado de Salgueiriños que incluirá medidas como unha programación especial de actividades lúdicas e formativas en verán e Nadal, dirixidas a un público familiar, para favorecer a presenza de familias no mercadiño. Tamén se instalará unha carpa activa para a realización desta programación lúdica, que cumprirá as funcións de información, promoción e punto de encontro. Na carpa activa mesturaranse exposicións, demostracións e intercambio de coñecementos de diferentes labores, tales como ganchillo, calceta, bordado, costura… De xeito paralelo habilitarase un espazo web no que se informará sobre as accións que se vaian programando e sirva como punto de recuperación da memoria gráfica do mercadiño.

Direccións relacionadas



Compartir: