TURISMO

Marta Lois apunta o turismo deportivo como alternativa á estacionalidade

22/06/2016 A concelleira de Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, asistiu no Pazo de Altamirá á presentación dunha tese doutoral sobre o gasto que realizan os asistentes aos partido do Obradoiro. O estudo, realizado por Jesyca Salgado, profesora do Máster en Xestión Empresarial do Deporte da Universidade de Vigo, leva por título Repercusión do turismo de eventos deportivos dende a óptica dos patróns de gasto e o impacto económico: aplicación a unha liga profesional e está baseado nos partidos como local do club santiagués.

Marta Lois indicou que "un dos principais problemas do turismo compostelán é a súa estacionalidade, centrada nos meses de verán". Así, o turismo deportivo como o que xera o Rio Natura Monbus Obradoiro, dixo, "xera novos camiños a seguir para acabar con este problema e crear estratexias que o fomenten".

Ademais da concelleira e da autora da tese, participaron no acto de presentación o director xeral do Rio Natura Monbus Obradoiro, José Luis Mateo, e o xerente adxunto do Multiúsos, Antón Antelo.

Conclusións da tese
O traballo de investigación permite identificar o perfil de gasto dos asistentes aos partidos, así como os factores que inflúen sobre o gasto. Analizouse a influencia de factores de tipo socio-demográfico, económico, turístico, psicográfico e deportivo.

Así, a autora indica que factores coma o equipo rival (máis gasto cando o club xoga contra equipos da parte alta da clasificación), a hora do partido (máis gasto se é pola tarde), a retransmisión do partido (máis gasto en partidos non televisados) ou o prezo da entrada inflúen sobre a cantidade de gasto xerado polos asistentes na cidade de Santiago de Compostela.

A tese apunta que os partidos contra equipos dos primeiros postos da clasificación xera un aumento no nivel de gasto dos asistentes. Estes equipos atraen a asistencia de espectadores non habituais ao pavillón, os cales aproveitan a súa visita á cidade para realizar outro tipo de actividades (turismo, restauración ou compras). En xeral, pódese considerar que os asistentes están dispostos a realizar un esforzo de gasto maior para asistir a este tipo de partidos.
No caso estudado, o perfil de gasto máis elevado (cunha media de gasto de 152 euros por partido) relaciónase coa orixe dos asistentes (provincial, autonómico e nacional), así como coa hora do partido (aumentando o gasto dos asistentes cando o partido se realiza en horario de tarde) e a categoría do rival.

Os resultados obtidos na análise empírica teñen un claro compoñente práctico para a toma de decisións de carácter económico-financeiro, de xestión e estratéxicas. Este tipo de información permite aos xestores expor estratexias na venda de abonos e entradas, así como nas actividades relacionadas coa atracción de asistentes aos partidos.

No ámbito do turismo, os determinantes de gasto achegan información útil para a formulación de estratexias tendentes a aumentar o número de turistas e desenvolver unha oferta adaptada ás características específicas do tipo de turista que se busca atraer ao territorio.

Compartir: