CONSORCIO

Este domingo, último día para percorrer a exposición de fotografías de Xurxo Lobato sobre Rosalía de Castro na Casa do Cabido

22/06/2016 Baixo o título Airiños Aires, Rosalía, a Casa do Cabido, na praza das Praterías, acolle dende principios de abril unha exposición de instantáneas na que o fotógrafo Xurxo Lobato rende homenaxe á ilustre poetisa. Este domingo, 26 de xuño, é o último día para percorrer a mostra, en horario de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas e o domingo de 11:00 a 14:00 horas. Durante estes meses visitaron a exposición unhas 5.500 persoas.

A mostra, patrocinada pola Obra Social "la Caixa", en colaboración coa Fundación Rosalía de Castro, é froito dun traballo de tres anos. Trátase dunha exposición itinerante que arrancou en Lugo e percorrerá as outras seis cidades galegas. Reúne un total de 50 imaxes en branco e negro, en gran formato (100 x 70 cm), acompañadas na súa maioría por fragmentos de poemas de Rosalía.

Esta mostra representa unha viaxe con Rosalía de Castro a través da singular ollada de Xurxo Lobato. As imaxes amosan os referentes espaciais máis relevantes da biografía da autora, xunto con aqueles que poetizou. Así, o fotógrafo subliña determinados espazos exteriores e paisaxes, xunto con espazos interiores que van dende a intimidade das estancias domésticas da súa casa ata a inmensidade da Catedral de Santiago. E retrata ademais contornos que evocan a vida de Rosalía para os que a poetisa non tivo textos explícitos. É o caso do interior da Capela do Hospital Real de Santiago, en cuxa pía foi bautizada, ou o sartego do Panteón de Galegos Ilustres, onde xace. E Lobato viaxa tamén ao Madrid da súa mocidade, ao das súas primeiras aventuras literarias, ao que a xunta para sempre con Murguía.

Referencias espaciais
Na vida e na obra de Rosalía, como se destaca nesta exposición, os dous referentes espaciais de maior peso son Santiago e Padrón. A Compostela máis granítica da Catedral, das campás e das rúas, pero tamén a Compostela máis verde, protagonizada pola carballeira de San Lourenzo. E de Padrón amósase Adina, cemiterio ao que cantou; Arretén, casa na que naceu a súa nai; Iria Flavia, o seu epicentro vital e literario; o río Sar; a Casa da Matanza…

Durante a travesía, o autor amosa a casa de Castro de Ortoño (Ames), onde viviu coa súa tía durante a súa infancia; a casa na Rúa Real de Vigo, onde se publicou Cantares Gallegos en 1863; ademais das casas nas que viviu na Coruña, en Santiago e en Madrid. E mesmo recolle a súa presenza en Castela, onde o seu marido traballou no Arquivo de Simancas (Valladolid).

O autor tamén retrata á propia Rosalía, a través das súas esculturas en pedra, figuras de cerámica, óleos e debuxos.

Compartir: