ALCALDÍA E POLÍTICAS SOCIAIS

O Concello asina un convenio con FEAFES para a cesión de tres vivendas

22/06/2016 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, asinou esta mañá un convenio coa Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidades Mentais (FEAFES), representada polo seu presidente, José Ramón Girón. Esta entidade é unha das que participa na Mesa de traballo e coordinación sobre as persoas sen teito.

O obxecto do convenio pasa pola cesión en precario de tres vivendas municipais situadas no barrio das Fontiñas, coa finalidade de que a entidade poida desenvolver o proxecto de inserción social e de prestación dun servizo de atención e intervención na rúa especializado para o que precisa dispoñer de vivendas de transición para persoas sen fogar con enfermidades mentais.

A cesión das vivendas será polo prazo dun ano, prorrogable por períodos anuais ata un máximo de catro. Os servizos sociais municipais serán os encargados de verificar o desenvolvemento do proxecto por parte da entidade adxudicataria, que se compromete a dispor do uso das vivendas para a finalidade citada e con carácter provisional. En cada unhas das vivendas debe estar presente cando menos un membro do persoal responsable do proxecto, de xeito que as persoas beneficiarias non poidan permanecer soas nos pisos.

Modelo "housing first"
O modelo que se seguirá é o "housing first" (a vivenda, primeiro) que entende que a inserción social pasa pola existencia dun recurso habitacional onde estas persoas poidan vivir temporalmente de forma autónoma axudadas por profesionais da entidade. Trátase dun modelo innovador que se está a levar a cabo noutras cidades europeas. Deste xeito, son menos vulnerables ante outros problemas que padecen relacionados, por exemplo, coas adiccións.

Dos tres "pisos de saída" que se poñen a disposición de FEAFES con este convenio, dous serán para acoller a dous homes e o terceiro para acoller a dúas mulleres. Este convenio permite completar outras medidas habitacionais que se están a poñer en marcha dende o Concello, coma os convenios con hostais para o aloxamento das persoas sen teito.

O convenio asinado hoxe está relacionado coa subvención nominativa con FEAFES que se atopa contemplada nos orzamentos de 2016. A concelleira de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde, Concha Fernández, asegurou ante os medios que a idea deste convenio pasa por "poñer en marcha este modelo "housing first" seguindo a Estratexia integral para as persoas sen teito 2015-2020, en colaboración con entidades sociais que traballan con persoas que viven na rúa". Entende a concelleira que o convenio "é fundamental" para desenvolver unha metodoloxía de traballo adecuada á situación das persoas en risco de exclusión severa.

O presidente de FEAFES, José Ramón Girón, recoñeceu que, con este convenio, "iniciamos un camiño longuísimo que se medirá en anos, pero que servirá para axudar a persoas que se atopan nunha situación moi difícil. A primeira parte pasa por dignificar a vida destas persoas no que se refire á vivenda ou a alimentación".

Concha Fernández explicou que dous dos pisos poderán estar operativos nun par de meses, unha vez finalizado o procedemento administrativo. Na outra das vivendas cedidas aínda se teñen que facer algún arranxos menores.

Compartir: