TURISMO E LINGUA

Turismo de Santiago súmase ao programa Apego co tren turístico e co xogo-guía "Santiago mmm…que rico"

21/06/2016 Turismo de Santiago, en colaboración con Autocares Mosquera, porá esta fin de semana o tren turístico a disposición do programa Apego do Concello para que máis de 50 nenos e nenas poidan descubrir Santiago dende o punto de vista dos e das turistas. Haberá dous pases en galego cun discurso adaptado para o público infantil. Un será o sábado 25 ás 10:00 e outro o domingo ás 12:00 hora. A ruta comezará no Obradoiro. As prazas dispoñibles xa están esgotadas.

Ademais, tamén dentro deste programa, Turismo de Santiago agasallará co xogo-guía Santiago mmm…que rico, que propón distintas probas para coñecer Compostela a través da gastronomía, a todos os rapaces e rapazas que pasen pola oficina de información turística co folleto do programa Apego.

Apego é un programa colectivo creado para fomentar e mellorar a transmisión do galego como lingua inicial e axudar ao seu mantemento. O proxecto, nado por iniciativa da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización Lingüística, desenvólvese, de xeito cooperativo, entre os servizos de normalización de numerosos concellos galegos, entre os que se atopa o de Santiago.

Apego vai dirixido ao contexto familiar e social dos nenos e nenas nos seus primeiros anos de vida para achegarlle argumentos, facilitarlle recursos e procurar a existencia de redes que sosteñan e arroupen o uso do galego. Nese contexto tense en conta o núcleo de crianza na casa e tamén os espazos de socialización como as escolas infantís, as ludotecas ou os parques.

Elaborouse unha serie con varios ítems cos que achegar a información e invitar a que a acollida dos nenos e nenas se faga en galego. Tamén se creou un espazo virtual de información e intercambio, www.apego.gal, que serve de punto de encontro dos recursos que se poidan ofrecer ás familias que desexen incorporar ou manter o galego.

Na edición deste ano, o Concello unificou por primeira vez todas as súas propostas para os nenos e nenas nunha única programación. Na súa elaboración participaron varios departamentos municipais, como Lingua, Turismo, Cultura, Centros Socioculturais ou Convivencia.

Compartir: