FACENDA

Arrincan os Orzamentos Participativos

21/06/2016 O punto de lanzamento dos Orzamentos Participativos, que permitirá escoller á cidadanía de Compostela en que quere investir 1.100.000 euros do orzamento total municipal para 2017, será o martes 28 de xuño na Casa das Asociacións de Cornes, a partir das 20:00 horas, na sala multiúsos do andar superior. Trátase da primeira xuntanza do grupo motor, que se artellará arredor do tecido asociativo compostelán e do Consello de Relacións Veciñais, pero aberto á incorporación de persoas a título individual e de representantes doutras entidades e colectivos.

Este grupo de traballo será o que aprobe o regulamento dos OP, marcando as regras de funcionamento que considere máis axeitadas para acadar unha participación activa e solidaria das persoas que habitan Compostela. A autorregulación e a pilotaxe cidadá, así como a aposta porque o tecido asociativo codeseñe o proceso, xunto co persoal técnico municipal, é unha das claves da posta en marcha dos OP en Santiago.

Ao longo dos catro meses de elaboración dos OP, o grupo motor dinamizará, informará e prestará apoio nas asembleas, onde as veciñas e veciños de Compostela debaterán e decidirán as propostas. Tamén formarán parte do grupo de traballo encargado de ordenar e agrupar as propostas recibidas.

Tras unha primeira experiencia o ano pasado, na que a mocidade decidiu en que actividades quería investir 100.000 euros, desta vez será o conxunto da cidadanía de Compostela quen vai escoller -de maneira presencial ou a través dunha plataforma en liña- onde investir 1,1 millóns de euros do Orzamento municipal do ano que vén. Esta cantidade supón un total de 11,40 euros por habitante e aproximadamente o 15% do capítulo de investimentos reais (calculado sobre o importe deste ano, cuxos investimentos ascenden a 6,7 millóns de euros).

As propostas que resulten escollidas serán incluídas no Orzamento de 2017 e sometidas á aprobación do Pleno municipal.

Compartir: