CONVIVENCIA

Obradoiro de graffiti para o alumnado do IES Antón Fraguas no marco do plan "Rúas"

21/06/2016 O IES Antonio Fraguas, en Fontiñas, será escenario mañá mércores dun novo obradoiro de graffiti, enmarcado no plan Rúas. O taller será impartido pola asociación Vella Escola, a partir das 10:45 horas, e está dirixido ao alumnado do instituto. Este é o terceiro obradoiro deste tipo, despois dos celebrados con éxito no Centro Sociocultural de Vite e no centro comercial Área Central.

Estes obradoiros son as primeiras actividades do proxecto Rúas (Rexeneración Urbana. Arte. Santiago), organizado pola concellería de Medio Ambiente e Convivencia, e desenvolvido pola asociación Vella Escola. O obxectivo é acabar coas pintadas nas rúas de Compostela a través de actividades educativas e preventivas que poñan en valor os auténticos graffitis fronte ás agresións ao patrimonio.

Nas primeiras semanas de andaina, o proxecto centrouse en actividades formativas e de promoción do propio plan. Nos vindeiros meses empezarán intervencións máis chamativas, como a recuperación de murais municipais ou privados, sempre que os propietarios o soliciten e cumpran os requisitos.

Trátase de utilizar espazos en estado de deterioro ou afectados polas pintadas, realizando obras artísticas profesionais que axuden a mellorar a imaxe de Compostela e potencien a identidade dos barrios. Para iso, os traballos que se realicen terán que ser imaxes que estean relacionadas directamente coa zona na que se sitúen, e coas que a veciñanza se sinta identificada.

Compartir: